O Goberno galego aproba unha Oferta de Emprego dotada con 421 prazas de difícil cobertura no Sergas

Rueda resalta que o sistema será por concurso de méritos e que se busca “paliar o déficit de profesionais” nalgunhas especialidades

Subliña que do total de prazas convocadas, 116 serán para facultativos especialistas en hospitais comarcais e outras 132 para médicos de familia e pediatras de atención primaria

Outras 173 serán para médicos e persoal de enfermería da área de Saúde Mental

O total de prazas que ofertará este ano o sistema sanitario público galego é de 1.630 prazas correspondentes á taxa de reposición ordinaria

Esta oferta en que se utiliza o sistema de concurso de méritos, sumada á realizada o pasado ano de médico de primaria, suma un total de 527 prazas polo sistema de concurso, sendo Galicia pioneira nestas medidas de atracción de profesionais a través da estabilidade e axilidade
 

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o decreto da oferta de emprego público para convocar por concurso de méritos 421 prazas de difícil cobertura no Servizo Galego de Saúde (Sergas). “O obxectivo é paliar o déficit de profesionais nalgunhas especialidades”, indicou Rueda.

Rueda explicou que a sistema público de galego vai ofertar 1.630 prazas este ano, correspondentes a taxa de reposición ordinaria. Delas, 421 serán por concurso de méritos, é dicir, sen exames.

A oferta de 421 prazas hoxe aprobada polo Executivo galego enmárcanse na Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura. Esta normativa, establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega, e dá continuidade ás medidas extraordinarias de fortalecemento da atención primaria iniciadas no ano 2021. Ademais, por primeira vez, establece un réxime extraordinario de acceso a postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Sergas, por concurso de méritos, sen examen.

Hospitais comarcais, primaria e saúde mental

Co obxecto de dar unha resposta adecuada ás necesidades organizativas actuais, e coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade, eficacia e eficiencia dos servizos e, xunto ao anterior, para promover a estabilidade dos recursos humanos, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais, a oferta hoxe aprobada pola Xunta permitirá, así mesmo, convocar procesos selectivos específicos polo sistema de concurso, co fin de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura.

En concreto, tal a como explicou Rueda vanse convocar 116 prazas para persoal facultativo de distintas especialidades dos hospitais comarcais de Cee, Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés. Ademáis, reforzarase o cadro de persoal de atención primaria con 72 prazas para médico de familia e outras 60 de pediatras para centros de saúde. E finalmente, vanse ofertar outras 173 prazas na área de Saúde Mental precisas para o desenvolvemento das distintas medidas do Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19 : 79 para facultativo especialista de área en Psiquiatría e Psicoloxía Clínica e outras 94 de enfermeiro especialista de Saúde Mental.

O sistema selectivo será o de concurso de méritos e respectará os principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade.

Do total de prazas, reservaranse 22 para o acceso a persoas con discapacidade xeral, así como as correspondentes para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

Galicia pioneira

O presidente lembrou que previamente a Xunta xa ofertou, por este sistema, 106 prazas de persoal facultativo especialista de Atención Primaria para postos de difícil cobertura, permitindo cubrir ámbitos asistenciais que estaban vacantes.

En consecuencia, esta oferta en que se utiliza o sistema de concurso de méritos, sumada á realizada o pasado ano de médico de Primaria, suman un total de 527 prazas polo sistema de concurso, sendo Galicia “pioneira” nestas medidas de atracción de profesionais a través da estabilidade e axilidade.

Sinalar, así mesmo, que nos mesmos termos que no decreto de oferta anterior, inclúese a previsión expresa de que os baremos de méritos dos procesos selectivos das categorías/especialidades de medicina deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos en hospitais comarcais ou centros de saúde illados.

Rueda ademais resaltou que a Xunta está a levar a cabo outra serie de medidas, dentro das súas competencias, para paliar o déficit de sanitarios como “melloras nas retribucións e compensacións salariais destes profesionais ou a oferta dun contrato estable de tres anos para todos os residentes de familia cando acaben a súa formación”.

 
 
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/03/2023