A Xunta subliña en Sevilla a aposta pola cooperación público-privada para a internacionalización do tecido produtivo

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa, no marco do XXIII Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional, nun panel sobre as posibilidades que ofrecen as ADR como instrumentos na cooperación iberoamericana

Pon en valor as actuacións impulsadas xunto ás empresas galegas para consolidar “lazos comerciais” nestes mercados e resalta os distintos acordos asinados con estados de México, Colombia ou coa provincia de Tungurahua (Ecuador), que facilitan o diálogo e supoñen vantaxes directas para as empresas galegas promovendo os investimentos e o comercio bilateral coas rexións

Destaca o traballo realizado polas Antenas do Igape, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización sumando máis de 1400 servizos nos últimos tres anos

Lembra que está en marcha una nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que desde a súa posta en marcha no 2014 permite impulsar misións empresariais directas e a participación das pemes galegas en feiras e eventos internacionais, con actuacións en ata 70 países

Sevilla, 23 de marzo de 2023 O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá nunha mesa de traballo no XXIII Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) na que se afondou nas posibilidades que ofrecen estes organismos como instrumentos estratéxicos na cooperación iberoamericana. Un marco no que salientou a importancia da cooperación público-privada para fortalecer a Marca Galicia e consolidar a internacionalización do tecido produtivo galego. 

“O bo facer e o prestixio das nosas marcas líderes internacionais fortalece a Marca Galicia, do mesmo xeito que o prestixio da nosa terra potencia o posicionamento competitivo das empresas galegas nos mercados internacionais”, indicou Guldrís, quen salientou que “ao longo destes anos fomos creando comunidades moi sólidas en todo o mundo, tamén en Iberoamérica”. 

Un traballo conxunto que, como explicou o director do Igape, se materializa en boas prácticas capaces de consolidar “lazos comerciais”. Neste sentido, resaltou, entre outros, os distintos acordos asinados co Estado de México, co Estado de Antioquia (Colombia), ou coa provincia de Tungurahua (Ecuador), que facilitan o diálogo e supoñen vantaxes directas para as empresas galegas promovendo os investimentos e o comercio bilateral coas rexións.  

Así mesmo, Guldrís fixo fincapé no papel que están a desempeñar as Antenas do Igape, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización sumando máis de 1400 servizos nos últimos tres anos.  

Neste mesmo marco de aposta pola internacionalización, lembrou Guldrís, activouse hai uns meses unha nova convocatoria da liña de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores. A iniciativa suma, desde a súa posta en marcha, 400 novos titulados galegos especializados en comercio exterior, que colaboran coa internacionalización das empresas en mercados como Estados Unidos, Filipinas, Dubai, Arxentina, Xapón, Canadá, Tailandia, Brasil, Corea do Sur, México ou Emiratos Árabes. 

Así mesmo, o director do Igape indicou que está en marcha unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que desde a súa posta en marcha no 2014 permite impulsar accións directas e a participación das pemes galegas en feiras e eventos internacionais, con presenza en ata 70 países.

“Todas estas prácticas e actuacións representan moi ben a Galicia na que estamos a traballar: unha Galicia moderna e de futuro, innovadora e aberta ao mundo. Unha Galicia que, como saben, alcanzou novos fitos en exportacións: falamos dun récord histórico con case 30.000M€ en exportacións e dun total de 8.496 compañías que realizaron vendas no exterior durante o ano pasado”, concluíu Guldrís.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023