Rueda anuncia que a Xunta estuda a fórmula para crear un canon que grave as liñas de evacuación da eólica mariña

Defende este gravame dentro da nova lei de recursos naturais, que comezou hoxe a súa tramitación no Consello do Goberno galego

Apunta que está prevista que a recadación vaia dirixida ás mesmas finalidades medioambientais que establece o actual canon da eólica terrestre, centrándose principalmente nos lugares onde estean localizadas as conexións

Lembra que a futura normativa recollerá, de cara ás declaracións de impacto ambiental, a avaliación dos efectos sociais e económicos dos proxectos e tamén a creación dunha sociedade pública-privada que garantirá que parte dos beneficios de proxectos que aproveiten recursos naturais teñan un impacto directo positivo en toda Galicia

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia estuda a fórmula para crear un canon que grave as liñas de evacuación da eólica mariña na nova lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e que iniciou hoxe mesmo a súa tramitación no Consello da Xunta.

Rueda precisou que, cando as liñas eléctricas da eólica off-shore chegan á terra, é cando se contaría con capacidade fiscal por parte da Xunta de Galicia para establecer este canon, cuxa recadación está prevista que se dedique ás mesmas finalidades medioambientais que, na actualidade, están recollidas para o gravame da eólica terrestre. Deste xeito, centrarase principalmente en que repercuta nos lugares onde se establezan estas conexións “e tamén, por suposto, no sector da pesca, ademais de garantir a coexistencia dos recursos”, abondou.

Ademais deste gravame, Rueda lembrou outras aportacións importantes da futura lei avanzadas estes días, como o feito de que establecerá que as declaracións de impacto ambiental avaliarán os efectos sociais e económicos dos proxectos e incidiu en que esta análise social e económica servirá tamén para determinar en que proxectos poderá participar a futura utility, unha sociedade mixta na que participará a Xunta de Galicia xunto con outros axentes públicos e privados para que parte dos beneficios que aproveiten recursos naturais teñan un impacto directo positivo en toda Galicia.

Galicia “non pode perder esta oportunidade”

Rueda cualificou esta futura norma de “pioneira” e “ innovadora” e amosouse convencido de que favorecerá o “arraigamento social” da eólica mariña, “que vai medrar nos próximos anos”, aseverou.

Por este motivo, defendeu que Galicia “non pode perder esta oportunidade”, xa que salientou que a nosa comunidade conta con “condicións especialmente idóneas para aproveitar estes recursos” e ten “un enorme potencial” para estar no centro da transición enerxética que vai vivir Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023