A Xunta ampliará o centro de saúde do Rosal para poder dotar ao concello dunha cuarta praza médica

O conselleiro de Sanidade e a alcaldesa de O Rosal asinaron hoxe un protocolo de colaboración para facilitar o trámite urbanístico e a cesión de terreos para a obra

Esta nova praza, que require un espazo para poder crearse, podería cubrirse mediante o sistema de concurso de méritos, que permitiu incorporar xa dous profesionais neste concello nos últimos meses

A ampliación creará tamén unha sala de técnicas para realizar cirurxía menor ambulatoria e unha sala específica para o tratamento de infeccións respiratorias

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, asinaron hoxe un protocolo de colaboración, para a execución das obras de reforma e ampliación do centro de saúde neste concello. Na sinatura estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, así como doutros representantes municipais.

Esta ampliación permitirá aumentar o número de consultas de medicina de familia no centro, permitindo ao Sergas dotar unha cuarta praza médica neste concello, que se sume ás tres existentes no actual centro e no consultorio de Tabagón. Unha vez creada, esta praza podería cubrirse mediante o sistema extraordinario de concurso de méritos, que xa permitiu cubrir nos últimos meses dúas prazas neste concello.

A obra proxectada permitirá tamén dotar de despacho propio ao persoal de traballo social (agora mesmo compartido co persoal de farmacia) e crear novas salas como unha de técnicas na que se poderá realizar cirurxía menor ambulatoria, unha sala separada para a atención de infeccións respiratorias, ou unha de xuntas para o persoal. Pola súa banda, a área de pediatría gañaría unha sala de espera e aseos propios.

Coa sinatura deste protocolo, o concello de O Rosal comprométese a modificar o plan urbanístico e a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames da parcela necesaria para a reforma e ampliación do centro de saúde coa cualificación urbanística idónea. Pola súa parte, o Sergas levará a cabo os trámites necesarios e as obras de reforma e ampliación del centro de saúde de O Rosal.

A reforma e ampliación do centro de saúde de O Rosal está recollida na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, e vén motivada pola necesidade de adaptar as instalacións deste centro, que conta con 39 anos de antigüidade, e que é preciso adaptar ás necesidades actuais de novos servizos e espazos para a incorporación de novos profesionais.

Este protocolo responde á solicitude feita pola Xunta ao concello en novembro do 2021, trala aprobación de dito Plan polo Consello da Xunta, para demandar a posta a disposición de terreos que permitisen executar as accións de ampliación previstas.

Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.

Renovación de infraestruturas

A sinatura do protocolo de hoxe significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria. Así, dende 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 67.000 metros cadrados.

En particular, na área sanitaria de Vigo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar e Bouzas (Vigo), e as reformas de Tomiño, Crecente, Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de ampliación do centro de saúde do Porriño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023