A Xunta remata as obras da nova senda que conecta A Casilla, O Araño e Nurés (Rianxo) cun investimento de máis de 500.000 €

Executouse un itinerario pola marxe dereita da AC-305 co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado entre os núcleos de Burés e A Casilla
 

O novo itinerario suma algo máis de 1,3 km, cun primeiro treito con inicio en Burés e fin nos Xens, e un segundo que comeza en Contrés e finaliza na Casilla
 

A nova senda iguala a liña do bordo da estrada e acada un itinerario de 2 metros de ancho, favorecendo os desprazamentos a pé e o acceso ás paradas de transporte público
 

O itinerario súmase á senda de Burés, habilitada na outra marxe da estrada e á disposición dos veciños desde o pasado outubro, cun investimento de case 50.000 €
 

A Xunta continúa a impulsar nas estradas da súa titularidade itinerarios máis cómodos, seguros, sustentables e saudables
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras da nova senda que conecta, a través da estrada AC-305, A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo.

As actuacións, que supuxeron un investimento autonómico de máis de 500.000 euros, favorecen o reforzo da seguridade viaria na AC-305, beneficiando estas novas sendas peonís a mobilidade a pé dos veciños deste municipio coruñés.
 
Actuouse nunha contorna na que había dous treitos de estrada que carecían de espazo para permitir un tránsito peonil seguro e con vivendas nas súas marxes. Mediante estas obras, ademais de favorecer os desprazamentos seguros a pé, garántese un mellor acceso ás paradas de transporte público.
 
O itinerario executouse pola marxe dereita da estrada, habilitando, en total, algo máis de 1,3 km de senda. Tomando como referencia a liña do bordo existente nesta vía, segundo as necesidades ampliouse ou reduciuse a beiravía para igualala ata os 50 centímetros en toda a actuación. A partir de aí, aumentouse a plataforma ata acadar unha senda de 2 metros de ancho, e incluso nalgún treito, dispón de rígola e bordo de formigón.
 
A nova senda desenvolveuse en dous tramos, para ofrecer continuidade aos desprazamentos peonís. O primeiro parte do núcleo de Burés, a continuación da beirarrúa existente previamente, e finaliza no lugar dos Xens, onde conecta coa senda que xa había. Son, en total, uns 820 metros de novo itinerario. O segundo treito, de 510 metros, comeza en Contrés e finaliza na Casilla, dando continuidade á senda que xa había.  

O novo itinerario está executado en formigón armado e baixo el dispúxose unha base de solo seleccionado, incluíndo na intervención a execución de colectores para recoller e dirixir as augas pluviais.

Os traballos completáronse coa instalación para as redes de telecomunicacións e coa semente dos taludes e desmontes, como medida de rexeneración ambiental. Ademais, colocáronse varandas de protección dos peóns en distintas zonas e a sinalización precisa.
 
Esta intervención de mellora da seguridade viaria conta con financiamento dos fondos React- UE da Unión Europea.
 
Xunto con estas obras, a departamento de Infraestruturas da Xunta acometeu unha actuación adicional na outra marxe desa mesma estrada, coa execución dunha senda en Burés, posta á disposición dos veciños o pasado mes de outubro, que supuxo un investimento de preto de 50.000 euros.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/03/2023