A Xunta recibe 10 ofertas para executar a ampliación e modernización da potabilizadora de Padrón, que suporá un investimento de 10 M€

Ampliarase e modernizarase a potabilizadora para blindar o abastecemento futuro de auga aos concellos de Padrón, Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e Vilagarcía de Arousa, que tamén está conectado
 

A Xunta traballa para comezar as obras no último trimestre do ano, cun prazo de 18 meses, no que se irán poñendo en servizo os distintos elementos de xeito progresivo
 

A intervención aumentará a capacidade de tratamento da planta ata os 630 l/s, fronte aos actuais 450 l/s, ofrecendo maiores garantías de abastecemento a unha poboación de máis de 90.000 habitantes
 

Favorecerase unha xestión máis eficiente, ao dotar a potabilizadora dun sistema para recuperar a auga de lavado de filtros que actualmente son verteduras ao río Ulla
 

Repararanse os depósitos de cabeceira e disporase un sistema de medición en continuo da calidade da auga nos puntos de entrega en alta e de control de nivel en tempo real
 

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 10 ofertas para executar as obras de ampliación e modernización da potabilizadora de Padrón, licitadas por un importe de case 9 millóns de euros.

Das 10 ofertas presentadas para executar estas obras 7 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 17 empresas. Mediante esta intervención trátase de mellorar do abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa, para aumentar un 40 % a capacidade de tratamento e blindar o subministro de auga aos 10 concellos conectados a estas instalacións.
 
A potabilizadora subministra actualmente auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e o propio Padrón, estando tamén conectado o concello de Vilagarcía de Arousa.
 
A entidade hidráulica da Xunta traballa co obxectivo de comezar as obras no último trimestre do ano, cun prazo de execución de 18 meses, ao longo do cal se irán poñendo en servizo os distintos elementos de xeito progresivo.
 
Nesta intervención, a Xunta asume integramente o financiamento e execución das obras de ampliación da estación de tratamento de auga potable, no marco dun convenio de colaboración co Concello de Padrón, que suporá un investimento global de 10 millóns de euros. O Concello de Padrón, pola súa banda, asume as xestións e trámites necesarios.
 
Mediante este contrato executaranse as obras necesarias para aumentar a capacidade de tratamento da planta ata os 630 l/s, fronte aos 450 l/s que subministra agora.
 
Deste xeito, a intervención permitirá superar as actuais limitacións no subministro e ofrecer maiores garantías de abastecemento a unha poboación de máis de 90.000 habitantes, en previsión dun futuro incremento da demanda.
 
Para iso, o ampliarase a potabilizadora situada nas proximidades do núcleo de Casal, na parroquia de Carcacía, ao carón do río.
 
Tamén se modernizará e fará máis eficiente dotándoa dun sistema para a recuperación da auga de lavado de filtros que actualmente son verteduras ao río Ulla.
 
Ademais, na intervención disporanse un tratamento de lodos de decantación e dun sistema de control que integre os equipos existentes e os da ampliación, cun sistema de xestión SCADA, de monitorización e control das instalacións, e de videovixilancia.
 
Realizaranse, ademais, reparacións estruturais nos depósitos de cabeceira do Casal e dotarase dunha medida de caudal de saída á rede con lectura en continuo; tamén sistema de medición en continuo da calidade da auga nos puntos de entrega en alta, e control de nivel e enchido dos depósitos, con medición en tempo real.
 
Cómpre lembrar que este da marxe dereita da ría de Arousa é o único sistema de abastecemento en alta de Galicia xestionado pola Xunta desde 2004, encomendado polos concellos.
 
É un sistema composto por 14 depósitos de distribución, bombeos intermedios en Boiro e A Pobra e cunha rede moi extensa, 56 km de tubaxe.
 
A Xunta impulsa este tipo de actuacións co obxectivo de afrontar con maiores garantías posibles situacións de falta de auga, que Galicia padece cada vez con máis frecuencia como consecuencia do cambio climático; contribuíndo, ademais, a incrementar a competitividade e a actividade económica destes concellos da marxe dereita da ría de Arousa, que verán garantida as posibles demandas de auga coa execución desta obra.

Data de actualización: 26/03/2023