O presidente do Goberno galego asiste á entrega de títulos a propietarios de Santa Cruz de Montaos, en Ordes

Rueda destaca que a Xunta prevé acadar a trintena de procesos de concentración parcelaria rematados no primeiro semestre deste ano

Lembra que coa parcelaria de Montaos se acadan xa os 26 procesos pechados desde 2020 e que —no primeiro semestre— se prevé alcanzar tamén as 30 novas concentracións decretadas desde 2021

Subliña que a concentración parcelaria é unha das mellores fórmulas para darlle máis valor ás terras e mellorar a competitividade das explotacións agrícolas

Resalta que a Xunta leva investidos case 120 M€ neste procesos desde 2009 e que este ano destina 17 M€ a este eido

A Xunta traballa nun Plan de mellora dos camiños nas parcelarias que estará dotado de 6 M€ para este 2023

O Goberno galego conta con outras medidas para seguir a dinamizar o agro como a Lei de recuperación da terra agraria, as Estratexias de dinamización do sector lácteo, vitivinícola ou cárnico e a futura Lei da calidade alimentaria
 

Ordes (A Coruña), 24 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego prevé acadar no primeiro semestre deste ano a trintena de procesos de concentración parcelaria rematados en Galicia desde 2020. Ademais, a administración autonómica traballa para alcanzar nese mesmo período as 30 novas zonas parcelarias decretadas, neste caso desde 2021. “Este é o camiño que Galicia necesita se queremos ter un rural moderno e aproveitar todas as oportunidades que hai agora e as que van vir”, indicou Rueda.

Durante a entrega dos títulos de propiedade a 617 veciños da parroquia de Santa Cruz de Montaos (Ordes), Rueda resaltou que a concentración parcelaria é un dos mellores mecanismos para darlle valor ás terras e mellorar a competitividade das explotacións agrarias. “A terra é riqueza e ten que estar organizada para poder explotala e sacarlle todo o partido”, indicou. Nesta liña, cómpre destacar que grazas aos procesos de concentración, as explotacións aumentan a súa base territorial e poden reducir custos, o que se traduce nunha maior rendibilidade.

Con esta parcelaria de Montaos —na que a Xunta investiu case 2 millóns de euros e que permitiu a reorganización de máis de medio millar de hectáreas— son xa 26 os procesos rematados en toda Galicia desde o ano 2020, que beneficiaron a máis de 13.100 propietarios. En paralelo, a Xunta decretou 28 novas zonas de concentración parcelaria desde 2021 que van reorganizar 23.000 hectáreas de case 110.000 parcelas de máis de 16.100 propietarios. O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, é chegar á trintena de procesos rematados e á trintena de novas zonas decretadas ao longo dos primeiros seis meses deste ano.

O presidente subliñou o compromiso da Xunta para paliar os efectos do minifundismo ao destinar case 120 millóns de euros á concentración parcelaria desde 2009. E destacou que nos orzamentos deste 2023 están asignados 17 millóns de euros a este eido.

Ademais, o Goberno galego está a impulsar outra serie de medidas para dinamizar o rural e mellorar a competitividade do agro galego. Entre elas, a Lei de recuperación da terra agraria para reducir o abandono e desuso de terras mediante iniciativas como os polígonos agroforestais e as aldeas modelo; o Plan extraordinario no que se está a traballar para arranxar os camiños nas parcelarias -que contará este ano con 6 millóns de euros-; as Estratexias de dinamización para sectores como o lácteo, o vitivinícola ou o cárnico ou a futura Lei da calidade alimentaria, que vai supoñer un pulo sen precedentes para a protección e promoción dos produtos con selo de calidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023