A Xunta licita as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas na provincia da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,6 M€
Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-231, AC-400 e AC-552, que discorren polos concellos de Curtis, Sobrado, Aranga, Cambre, Culleredo, Cerceda, A Coruña, Arteixo, A Laracha e Carballo
Os traballos consistirán en realizar fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal
O prazo de presentación de ofertas para acometer as obras rematará o vindeiro 19 de abril e os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas na área da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2.651.840 euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 19 de abril. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.
O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-231, AC-400 e AC-552, que discorren polos concellos de Curtis, Sobrado, Aranga, Cambre, Culleredo, Cerceda, A Coruña, Arteixo, A Laracha e Carballo.
Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.
As intervencións completáranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.