A Policía Autonómica comisa 300 quilos de ameixa e 100 de ourizo na Coruña

Os axentes identificaron 12 persoas no marco dun operativo de loita contra o furtivismo desenvolvido cos vixilantes da Confraría da Coruña

A Coruña, 24 de marzo de 2023

Axentes da Policía Autonómica comisaron esta madrugada 300 quilos de distintos tipos de ameixa na ría coruñesa do Burgo e 100 quilos de ourizo na zona de Canide, en Oleiros. A actuación realizouse no marco dun operativo de loita contra o furtivismo desenvolvido xunto cos vixilantes da confraría da Coruña.

Como resultado foron identificadas 12 persoas e tramitáronse outras tantas denuncias por presunta infracción da Lei de pesca de Galicia. Todo o marisco comisado foi sementado no mar pola confraría da Coruña. 

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023