A Xunta pon en valor en Mondoñedo que os concellos dean a coñecer a veciñas referentes para impulsar as vocacións femininas mozas na ciencia ou na cultura

Mondoñedo (Lugo), 25 de marzo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe o encontro sobre mulleres referentes organizado no Concello de Mondoñedo, con motivo da recente celebración do Día internacional da muller. A representante autonómica puxo en valor os apoios da Xunta a este municipio no eido da conciliación e para o mantemento do seu Centro de Información á Muller. Lembrou, ademais, que a colaboración coas entidades locais resulta fundamental para facer chegar á poboación os recursos de loita contra a violencia de xénero e de atención ás vítimas, así como para o fomento das vocacións profesionais das mulleres.

López Abella subliñou a importancia de eventos como o de hoxe para dar a coñecer o papel profesional das mulleres. “Sumámonos a esta iniciativa para poñer de manifesto a importancia de acadar a igualdade real e efectiva, nun ámbito vital para o desenvolvemento da nosa sociedade e dos nosos concellos”, indicou. Neste eido reivindicou a elaboración de estudos sobre mulleres referentes dos municipios na ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas e a cultura “co obxectivo de sensibilizar e visibilizar a veciñas referentes e que as coñeza toda a sociedade con especial atención á  mocidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023