A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza a conferencia final do proxecto europeo para coordinar e impulsar a medicina personalizada

A xornada contou coa intervención dos principais representantes das rexións participantes nesta iniciativa e, no caso de Galicia, dita intervención correu a cargo, de xeito telemático, do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña

Os socios do proxecto interrexional europeo Regions4PerMed participaron nunha conferencia presencial, na que compartiron os resultados obtidos e trasladaron as súas experiencias durante o desenvolvemento do mesmo
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, organizou esta semana, en Bruxelas, a conferencia final do proxecto europeo Regions4PerMed. O proxecto buscou establecer un diálogo continuo entre a comunidade europea de Medicina Personalizada, contando cun orzamento de 1,7 millóns de euros, e seis socios de diferentes rexións, a Toscana, Lombardía, Saxonia, e Baixa Silesia.

A Medicina Personalizada permite á asistencia sanitaria converterse nun sistema preventivo, personalizado e preditivo, no canto dun sistema reactivo. Grazas á Medicina Personalizada, a asistencia sanitaria pode ofrecer mellores tratamentos e diagnósticos máis sustentables aos pacientes. Considerando o envellecemento da poboación en Europa, isto é especialmente relevante, xa que a xestión da morbilidade supón un gasto para os nosos sistemas.

A Medicina Personalizada, ademais, significa unha vantaxe inmensa para a cidadanía, sanidade e industria, que permitirá á Unión Europea seguir a ser competitiva a escala mundial. Cabe destacar que a colaboración entre os responsables políticos locais e rexionais, é un elemento clave para que a Medicina Personalizada desenvolva todo o seu potencial.

O consorcio Regions4PerMed apoia o compromiso das rexións da Unión Europea coa Medicina Personalizada, organizando o evento final deste proxecto en Bruxelas, co obxectivo de mostrar os resultados recollidos polos socios do proxecto nas cinco áreas temáticas clave do proxecto.

O evento comezou coa benvida por parte do coordinador do proxecto Gianni D’Errico, da Fondazione Toscana Life Sciences (TLS), que resumiu a actividade levada a cabo ao longo destes anos. Tamén se ofreceu unha benvida por parte de Jean Luc Sanne, da Comisión Europea, e da presidenta do Consorcio Internacional para a Medicina Personalizada, Ejner Moltzen.

A xornada contou coa intervención dos principais representantes das rexións participantes no proxecto. No caso de Galicia, dita intervención correu a cargo do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de maneira virtual. Nela, comezou agradecendo aos socios a organización do evento e á Unión Europea e ao programa Horizonte 2020 pola oportunidade de poder executar este proxecto. Así mesmo, fixo un resumo das principais actividades do Sergas en canto á Medicina Personalizada, para rematar resaltando o labor de todos os integrantes do sistema público de saúde, así como agradecéndolles a todos os poñentes e asistentes a súa participación na conferencia.

A continuación, José María Romero Fidalgo, director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, realizou unha presentación sobre o traballo realizado na área temática 4 “Fluxo de innovación na atención sanitaria”, liderada pola ACIS. Ao longo da mesma, resumiu os principais logros, así como a conferencia e o taller que se organizaron no marco dela. Así mesmo, fixo mención de todos os expertos que participaron nas actividades, e concluíu cos resultados obtidos e cunhas recomendacións finais ás autoridades rexionais.

Xunto ao anterior, celebrouse unha cerimonia de entrega de premios ás mellores boas prácticas de cada área temática, coa presenza dos membros do xurado, entre os que se atopaba o galego Javier Quiles del Río, subdirector de Sistemas da área sanitaria de Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023