A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asistiu á entrega de recoñecementos a varios establecementos hostaleiros

A Xunta pon en valor o compromiso do sector turístico galego coa reciclaxe e a promoción da Comunidade como un destino sostible

Ao abeiro do Plan director 2021-2023 Galicia Destino Seguro instaláronse 437 puntos de reciclaxe en 102 cámpings e 56 albergues da Comunidade, ademais de contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón en 303 hoteis

Sagrario Pérez incide en que cada xesto conta e todos temos un papel que xogar na loita contra o cambio climático

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023 A Xunta puxo en valor o compromiso do sector turístico galego coa reciclaxe e a promoción da Comunidade como un destino sostible, logo de que máis de 460 establecementos hostaleiros se adherisen á iniciativa promovida polo Goberno galego, Ecoembes e o Clúster de Turismo de Galicia para facilitar a correcta separación de residuos e mellorar a recollida selectiva nos concellos.

Deste xeito, ao abeiro do Plan director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, repartíronse 285 contedores amarelos para a recollida de envases lixeiros e 726 papeleiras entre os 303 hoteis adheridos ao proxecto. Ademais, tamén se instalaron 437 puntos de reciclaxe en 102 cámpings e 56 albergues da Comunidade.

A maiores, tamén se organizaron xornadas e actividades formativas en materia de sustentabilidade e cambio climático, así como a campaña Camiño da Reciclaxe, cuxo obxectivo foi concienciar aos miles de peregrinos da importancia de evitar o lixo na natureza e nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago e de darlle unha nova vida a un refugallo, a través da reciclaxe e da recuperación

Nese senso, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, subliñou que “o sector turístico galego amosou unha vez máis o seu compromiso co mantemento do medio ambiente, co impulso de Galicia como un destino sostible e co fomento dun turismo rexenerativo”.

E para recoñecer a aposta do sector hostaleiro pola sostibilidade, celebrouse hoxe en Santiago de Compostela a entrega de recoñecementos a 5 establecementos que son exemplo de boas prácticas nesta materia. Así, o Parador de Turismo de Baiona, o hotel Combarro (Poio), o Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas (Viveiro), e os hoteis Torres Touriño e Pazo Revel de Sanxenxo, beneficiaranse dun proxecto ambiental para mellorar a súa xestión sostible.

Durante o acto de recoñecemento, no que estivo acompañada polo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa; polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e por Bruno de Llano, representante en Galicia de Ecoembes, Sagrario Pérez incidiu en que “cada xesto conta e todos temos un papel que xogar na loita contra o cambio climático”, polo que o Goberno galego seguirá a traballar para concienciar á cidadanía da importancia da correcta separación en orixe e posterior depósito nos contedores, para propiciar a transformación en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023