A competición a nado Tripla Coroa Illas Atlánticas abre mañá o prazo de inscrición para poder participar na súa segunda proba

A carreira, na que colabora a Xunta e que se enmarca na terceira edición deste acontecemento deportivo, celebrarase o 9 de setembro entre a illa de Sálvora e Ribeira

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023 O prazo de inscrición para participar na segunda das tres probas que integran a competición internacional de natación Tripla Coroa Illas Atlánticas permanecerá aberto desde mañá luns, 27 de marzo, ata o 11 de abril para aqueles deportistas que xa participaron na primeira proba. No caso do resto de nadadores, as inscricións faranse entre o 12 de abril e ata que se esgoten as prazas.

Haberá en total 140 prazas dispoñibles, que poderán solicitarse telematicamente a través da páxina web championchipnorte.

Cómpre subliñar que esta proba se enmarca na terceira edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha das competicións de natación máis duras e longas de Europa coa que colabora a Xunta e que reúne en Galicia a deportistas de toda España e doutros países.

A carreira programada para este ano disputarase o vindeiro 9 de setembro e discorrerá entre a Illa de Sálvora e Ribeira, un tramo cunha distancia total de 19 quilómetros. Concretamente, os nadadores sairán da praia do Almacén, en Sálvora, e pasarán polo illote Areoso (A Illa de Arousa) e a illa da Rúa (Ribeira), ata chegar á praia ribeirense de Coroso, onde estará a meta.

Premiarase aos tres primeiros clasificados en cada categoría —absoluta masculina e absoluta feminina e sen neopreno masculina e sen neopreno feminina—, e a inscrición incluirá servizos como o traslado en barco ata a saída e regalos conmemorativos.

Así mesmo, esta terceira edición da Tripla Coroa inclúe varias novidades con respecto ás anteriores, como a obrigatoriedade do uso da boia para todos os participantes e a incorporación do sistema de localización por GPS, o que permite realizar un seguimento en tempo real da posición de cada nadador. De igual xeito, a organización poderá autorizar a participación sen neopreno en casos excepcionais, se os deportistas acreditan ter experiencia en percorrer distancias longas sen este tipo de traxes.

Tripla Coroa

A Tripla Coroa Illas Atlánticas é unha competición de carácter internacional integrada por tres probas de natación de ultrafondo a disputar no período 2022-2024 e cun percorrido total de 57 quilómetros.

A primeira das carreiras desta terceira edición tivo lugar o ano pasado entre Cíes e Baiona —un tramo de 15 km— e contou coa participación de máis de 160 nadadores, dos cales 139 completaron o percorrido. Logo da proba prevista para o vindeiro mes de setembro, en 2024 celebrarase o último reto desta competición, que será tamén o de maior distancia. Así, o vindeiro ano os participantes deberán percorrer a nado os 23 quilómetros que separan a Illa de Ons e a localidade pontevedresa de Combarro.

Ademais do aspecto puramente deportivo, cómpre subliñar que o obxectivo da Tripla Coroa Illas Atlánticas tamén é dar a coñecer a riqueza natural do único Parque Nacional de Galicia, promocionar as Rías Baixas e consolidarse como unha das probas de natación de referencia en toda Europa, axudando a visualizar que é posible lograr un equilibrio entre os usos sostibles dos espazos naturais e a súa imprescindible protección.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2023