Román Rodríguez gaba o compromiso da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, de Lugo, coa formación artística de calidade e a alta cualificación

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na inauguración da exposición conmemorativa do 50 aniversario deste centro como referente destas ensinanzas

Lugo, 24 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou este serán na inauguración da exposición conmemorativa do 50 aniversario da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, de Lugo, onde gabou a traxectoria deste centro educativo a prol dunha formación artística de calidade e de alta cualificación.

O titular de Educación da Xunta de Galicia, que aproveitou o acto para amosar o seu agradecemento ao equipo directivo e docente e ao alumnado do centro, salientou as cinco décadas da Ramón Falcón ao servizo “dunha formación clave para os futuros profesionais dos que se nutre a cultura do noso país” en disciplinas como a Cerámica artística, o Gravado ou a Fotografía. Este compromiso coa educación reflíctese en accións específicas como que esta escola é unha das pioneiras, este curso, na implantación de ciclos plurilingües nas ensinanzas artísticas, ou nos premios que reciben os seus alumnos, como o Fin de Carreira deste ano que recaeu nunha alumna do centro.

Román Rodríguez destacou que as ensinanzas artísticas “son unha alternativa académica de primeira orde” que contan co apoio da Xunta de Galicia. Precisamente, a Consellería de Educación está traballando en propostas específicas para esta área educativa, como a feira InnovArt, que se celebrará a mediados de abril.

O titular de Educación tamén se referiu á nova Lei de Ensinanzas Artísticas do Goberno do Estado, e salientou a reivindicación de Galicia de que estas ensinanzas superiores obteñan o mesmo recoñecemento académico que os estudos universitarios.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023