O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse esta semana coa nova directiva da entidade

A Xunta renova a súa colaboración coa xornada de convivencia anual de Asfega

Destaca a importancia deste tipo de eventos para concienciar e sensibilizar sobre as enfermidades metabólicas hereditarias

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia colaborará de novo coa Asociación Fenilcetonúrica e OTM de Galicia (Asfega) na xornada de convivencia anual desta entidade, que nos últimos anos ten como escenario a Residencia de Tempo Libre do Carballiño. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, renovou este compromiso durante a reunión que mantivo esta semana coa nova directiva de Asfega, que preside Martín Seijo, e na que tamén participou o anterior responsable da asociación, Modesto Rodríguez.

Jacobo Rey destacou a importancia que ten esta xornada para avanzar na concienciación e sensibilización sobre as enfermidades metabólicas hereditarias. Neste sentido, fixo fincapé en que este tipo de actividades son moi valiosas para que os afectados e as familias compartan experiencias e adquiran maiores coñecementos sobre cales son os tratamentos e alimentos máis axeitados.

O director xeral puxo en valor o esforzo que realiza Asfega para apoiar, informar e asesorar a estas persoas e ás súas familias. Ademais, reiterou que é fundamental implicar ao conxunto da sociedade para que estas persoas teñan unha rede de apoio e maiores facilidades para facer fronte á súa doenza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2023