O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García, comproban o resultado das obras

A Xunta culmina un investimento de máis de 360.000 € para rehabilitar a igrexa do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá

O conselleiro destaca o compromiso do Goberno galego coa recuperación do patrimonio, cun incremento do 14 % nos Orzamentos de 2023 para este fin

Salienta o atractivo dinamizador deste valioso ben do Camiño do Norte

A intervención tivo por obxecto reparar partes da cuberta, así como a lanterna, e solucionar os problemas de humidade

Lourenzá (Lugo), 25 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García, visitaron hoxe o resultado das obras de rehabilitación da igrexa do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Unha intervención na que departamento de Cultura da Xunta investiu máis de 360.000 € e grazas á que se solucionaron os problemas de conservación do templo.

Román Rodríguez salientou o compromiso do Goberno galego coa recuperación do patrimonio artístico e cultural, que se traduce nun aumento do 14 % nos Orzamentos de 2023 para este fin. “O noso obxectivo é conservar bens tan senlleiros coma este para que poidan gozar deles non só a presente xeración, senón tamén as próximas”, afirmou. O conselleiro lembrou, ademais, que o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá é un valioso elemento no Camiño do Norte, polo que constitúe un importante atractivo dinamizador para os visitantes que chegan á zona.

As actuacións de restauración tiveron como obxecto o cambio e arranxo das partes da cuberta do templo danadas, así como da lanterna situada sobre a cúpula do cruceiro. Así mesmo, reparáronse as humidades que presentaban tanto as revocaduras das bóvedas como as naves laterais e as partes baixas dos muros do triforio. A maiores, renovouse por completo a instalación eléctrica da igrexa e mudáronse parte das luminarias.

 

Exemplo da arquitectura de Casas y Novoa

Considerado Monumento Histórico Artístico Nacional desde o ano 1974, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá foi fundado polo Conde Osorio Gutiérrez (coñecido como o Conde Santo) a finais do século I. Chegou ao seu maior apoxeo nos séculos XVII e XVIII, cando se substituíu completamente o primitivo mosteiro medieval, do que quedan apenas restos como unha lauda ou lápida sepulcral do século XII e unha ara, posiblemente do X.

 

O templo actual, construído en granito procedente de Burela, iniciouse en 1735 con trazas de Fray Juan Vázquez de Samos, modificadas por Fernando de Casas y Novoa, autor da monumental fachada do Obradoiro na Catedral de Santiago de Compostela. A fachada da igrexa responde plenamente aos ideais da arquitectura de Casas e pode considerarse como precedente inmediato da do Obradoiro, cun corpo central flanqueado por dúas torres, das que só a do reloxo foi concluída.

 

A igrexa ten planta de cruz latina, cunha nave maior dividida en catro tramos e composta dunha nave central máis ancha e dúas laterais separadas por grandes piares. A nave central cóbrese cunha bóveda de canón de catro tramos cun gran luneto en cada lado e sobre as laterais ábrense tribunas con balcóns sobre a nave central e o cruceiro que se cobren con bóvedas de aresta de mampostería de xisto. Sobre o amplo cruceiro elevase unha cúpula de 46 casetóns apoiada nun anel sobre trompas e coroada por unha lanterna octogonal, restaurada nesta intervención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023