O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe os distintos postos da Feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos

A Xunta destaca que a feira Magreco de Boimorto é o escaparate por excelencia das novidades industriais máis actuais arredor do sector primario

José González sinalou que este certame é o mellor espazo para intercambiar experiencias, impresións e coñecementos sobre asuntos de interese para a mellora das explotacións agropecuarias e forestais

Matizou que unha das pancas de acción que ten a Consellería é a liña de axudas destinada á incorporación de persoas mozas á actividade agraria, á execución de plans de mellora e á creación de pequenas explotacións, cuxa convocatoria remata este luns

Puxo en valor as distintas estratexias -lácteo, viño e carne- elaboradas pola Xunta en colaboración cos propios sectores, coa finalidade de impulsalos a nivel nacional e internacional

Con motivo da celebración dunha poxa de gando no marco desta feira, o conselleiro destacou que o seu departamento sacará este ano unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto, dotada con 200.000 euros

Boimorto (A Coruña), 25 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, participou esta mañá na inauguración da Feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos, Magreco. Alí, destacou o peso deste certame, que se constitúe como un dos escaparates por excelencia das novidades industriais máis actuais arredor do sector primario. Ademais, engadiu, é o mellor espazo para intercambiar experiencias, impresións e coñecementos sobre asuntos de interese para a mellora das explotacións agropecuarias e forestais.

Así, o conselleiro sinalou que esta feira comparte un dos obxectivos marcados polo Goberno galego, que pasa por avanzar na mellora constante do rural galego en xeral e das explotacións en particular. Neste senso, sinalou que a finalidade é conseguir un rural vivo, competitivo e innovador, sempre á vangarda dos últimos avances tecnolóxicos que permitan mellorar a calidade de vida dos habitantes e traballadores do rural.

Precisamente, matizou o conselleiro, unha das pancas de acción que ten a Consellería é a liña de axudas destinada á incorporación de persoas mozas á actividade agraria, á execución de plans de mellora e á creación de pequenas explotacións, a cal permanece aberta ata o vindeiro luns, 27 de marzo. Dita orde, das máis destacadas dada a súa gran repercusión, conta este ano cun orzamento de 38,8 millóns de euros, un 3,5 % máis que na pasada convocatoria.

De feito, subliñou José González, a través destas achegas búscase aumentar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante, precisamente, a súa modernización, ao tempo que aseguran a continuidade do tecido agrario e o rexuvenecemento da poboación activa no rural. Así, salientou, na pasada convocatoria aprobáronse máis de 1.000 expedientes destas axudas, dos cales 353 correspondéronse a mozos e mozas incorporados á actividade agraria.

Ademais, ese compromiso coa actividade agraria -destacou o conselleiro- tamén se materializa nas distintas estratexias sectoriais elaboradas todas elas da man dos axentes implicados. No caso da Estratexia de dinamización do sector lácteo, facilítase a consolidación definitiva deste eido produtivo, tanto a nivel nacional como internacional. Coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia búscase impulsar a competitividade dos viños galegos nos mercados nacional e internacional. Coa recente aprobada Estratexia de dinamización do sector cárnico, preténdese situar a Galicia como rexión de referencia na produción de carne, cun alto nivel de sustentabilidade.

Asemade, dixo o conselleiro, para lograr todos eses obxectivos é fundamental dotar ás explotacións agropecuarias de base territorial. Nese eido estase a traballar a través dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que en menos de dous anos de vixencia conseguiu mobilizar arredor de 10.000 hectáreas a través de 21 polígonos agroforestais e outras tantas aldeas modelo, así como mediante diversas permutas no concello de Friol.

Do mesmo xeito, José González puxo en valor a utilidade das concentracións parcelarias para ampliar a base territorial das explotacións. Así, salientou que desde 2021 decretáronse 28 novas parcelarias e rematáronse -coa correspondente entrega de títulos de propiedade- un total de 26 procesos, estes desde o ano 2020.

Por último, durante a súa intervención, o conselleiro fixo referencia á poxa de gando que terá lugar mañá nesta feira e destacou que a Consellería sacará este ano unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto, dotada con 200.000 euros. Así, o obxectivo destas axudas, sinalou o director xeral, é apoiar a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia. Así, fomentarase a celebración dunha rede de eventos a realizar en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais e, lembrou, que os beneficiarios destas axudas poderán ser concellos galegos que organicen certames de gando selecto.

Charla da PAC

Así mesmo, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá en Boimorto unha xornada informativa sobre o importante papel que teñen as subvencións da Política Agraria Común (PAC) para contribuír ao futuro do agro galego.

Neste senso, Balseiros lembrou que a actual convocatoria destas axudas permanece aberta ata o vindeiro 31 de maio para todos aqueles interesados. Sinalou que o seu orzamento elévase aos 217 millóns de euros, dos cales uns 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC -mantéñense con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior, grazas -entre outros- ao aumento impulsado polo Goberno galego nas axudas de agricultura ecolóxica.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023