O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, coñeceu hoxe o proxecto Traffikgene, liderado polo grupo de investigación de Javier Montenegro do CIQUS

Conde destaca o impulso que a Xunta está dando á transferencia de coñecemento a través do programa Ignicia

A convocatoria Ignicia recibiu 43 solicitudes na súa cuarta edición, un 54 % máis que na anterior convocatoria, por parte de fundacións de investigación sanitaria, universidades, centros tecnolóxicos e CSIC

Conde apunta que, a través das tres edicións anteriores, se apoiaron 23 proxectos, dos que naceron 9 spinoffs, 3 acordos de licenza coa industria e 100 empregos de alta cualificación

Destaca que o proxecto Traffikgene é o primeiro en Galicia en recibir o apoio do programa EIC Transition do Consello Europeo de Innovación (EIC), unha das convocatorias máis competitivas e prestixiosas no ámbito da transferencia de coñecemento

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o impulso que a Xunta de Galicia está dando á transferencia de coñecemento a través do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación que, segundo dixo, está permitindo crear emprego cualificado e captar investimento público e privado co apoio a proxectos disruptivos de investigación.

Conde visitou esta mañá o laboratorio de Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, para coñecer os avances no proxecto Traffikgene, apoiado na convocatoria de 2021 do programa Ignicia. Unha iniciativa que foi seleccionada polo programa EIC Transition do Consello Europeo de Innovación (EIC) e, polo tanto, é a primeira en Galicia en recibir fondos desta convocatoria, unha das máis prestixiosas e competitivas no eido da transferencia de coñecemento.

O vicepresidente económico apuntou que se trata dun proxecto “disruptivo” centrado na identificación de novos fármacos para a loita contra o cancro que sitúa Galicia “á vangarda” da investigación de novos tratamentos contra esta doenza. “Demóstrase que hai ciencia, talento e grupos de investigación que están posicionando Galicia no eido da ciencia, da investigación e, o que é moi importante, da innovación e, polo tanto, da transferencia ao mercado”, dixo.

O proxecto Traffikgene xa posibilitou a contratación de 20 novos profesionais para avanzar na comercialización de novas plataformas tecnolóxicas a aplicar en terapias xénicas. Ademais, Montenegro tamén recibiu o apoio do programa Oportunius para liderar un dos proxectos financiados na convocatoria Starting Grant 2015 do Consello Europeo de Investigación e, posteriormente, a axuda Proof of Concept tamén do ERC como continuación do mesmo proxecto, entre outros recoñecementos e axudas.

Balance solicitudes convocatoria 2023

Conde aproveitou a visita ao CIQUS para poñer en valor os resultados da última convocatoria Ignicia Proba de Concepto que recibiu 43 solicitudes, un 54 % máis que na anterior edición, entre fundacións de investigación sanitaria, universidades, centros tecnolóxicos e CSIC. Destaca o número de solicitudes presentadas pola Fundación de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) con 8 solicitudes e a Universidade de Santiago de Compostela con 7. Esta liña de axudas, que apoia a chegada dos resultados da investigación ao mercado, está dotada con 3,96 millóns de euros para investir en 8 proxectos. A selección darase a coñecer ao redor do mes de xuño.

A Xunta de Galicia leva investido 16,6 millóns de euros neste programa, dos que 14,3 millóns foron para as catro convocatorias de proxectos. Dende a primeira edición no 2016, téñense apoiado 23 proxectos (10 aínda en execución) dos que teñen xurdido 9 spin-offs, 3 acordos de licenza coa industria e empregan actualmente a máis de 100 profesionais de alta cualificación. As spin-offs creadas destacan na captación de investimento privado dos principais fondos de transferencia tecnolóxica, preto de 5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023