A Xunta inviste 140.000 euros na mellora da praza da Alameda do Porriño

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou a localidade para coñecer as melloras executadas no marco dun convenio co Concello

A través da iniciativa reparouse e humanizouse o espazo, con novo pavimento impermeabilizado e elementos de xogo infantil

As actuacións enmárcanse no compromiso do Goberno galego co eido local, ao que neste exercicio destina 564,3 M€ a través do Fondo de Cooperación Local e as distintas ordes de subvencións

O Porriño (Pontevedra), 27 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, O Porriño para coñecer as melloras executadas na praza da Alameda no marco dun convenio entre este concello e a Xunta, cun importe de 140.000 euros. A través do acordo o Goberno galego asumiu o custo íntegro das actuacións destinadas á humanización e reparación de filtracións neste espazo de encontro e lecer para a veciñanza.

Así, demoleuse o antigo pavimento e aplicouse unha capa de impermeabilización sobre a que se instalou céspede sintético e unha nova superficie amortiguadora nas áreas de xogos infantís. A maiores, dotouse o espazo de novos elementos de xogo, con tirolesa, balancín, tobogán e bambán cuádruplo.
 
Segundo sinalou Diego Calvo, a actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais na creación e mellora de infraestruturas axeitadas ás necesidades da cidadanía, tanto no eido dos servizos municipais como nos deportivos ou de lecer. Nesta liña, o vicepresidente segundo referiuse á orde de axudas para infraestruturas de uso público impulsada pola Xunta cunha dotación anual de 3,5 millóns de euros e que no caso do Porriño permitiu o pasado ano cambiar a cuberta do centro cultural cunha achega de 33.645 euros.
 
Ademais destacou que os concellos dispoñen do Fondo de Compensación Ambiental con axudas específicas para melloras enerxéticas e a prol do medio natural, cun orzamento global superior aos 11 millóns de euros. No marco desta medida, O Porriño recibiu en 2022 máis de 87.200 euros para a renovación do alumeado público na avenida Domingo Bueno e para traballos de restauración ambiental en áreas e camiños municipais.  

Preto de 713.000 € investidos no Porriño

O vicepresidente segundo engadiu que, a través das distintas liñas de apoio ao eido local, a Xunta investiu no concello do Porriño preto de 713.000 euros nos últimos anos. A esta contía súmanse as achegas anuais do Fondo Base de Cooperación Local, que en 2022 foi de 516.667 euros.

Diego Calvo incidiu na importancia da colaboración entre administracións. “Como entidades máis próximas á cidadanía, os concellos son quen mellor coñecen as necesidades e desde a Xunta temos o firme compromiso de que todos os galegos e galegas, con independencia do seu lugar de residencia, dispoñan de servizos e infraestruturas municipais de calidade”, afirmou.

Nesta liña, referiuse ao orzamento global destinado polo Goberno galego ao eido local, que suma este exercicio 564,3 millóns de euros, un 15,5 % máis que en 2022, entre os 143,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local (FCL) e as ordes de subvención dos distintos departamentos autonómicos. Entre elas salientou a nova medida que se publicará en breve para financiar actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais. Vai destinada aos municipios de menos de 30.000 habitantes e conta cun orzamento de 7,8 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder. Trátase dunha orde plurianual para o período 2023-2024, na que a Xunta achegará 3,1 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/03/2023