O Sergas publica as listas provisionais de admitidos do concurso de traslados aberto e permanente para todas as categorías estatutarias e a oferta de destinos de médico de familia de atención primaria

Neste concurso resultaron admitidos un total de 4.550 profesionais. A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de enfermeiro, con 1.913 solicitudes

Ofértanse un total de 309 prazas na categoría de médico de familia de atención primaria

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se dá publicidade a relación provisional de admitidos e excluídos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario e a oferta de destinos na categoría de médico de familia de atención primaria.

Neste concurso resultaron admitidos un total de 4.550 profesionais. A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de enfermeiro, con 1.913 solicitudes. Ofértanse un total de 309 prazas na categoría de médico de familia de atención primaria.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Concurso de traslados. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

Coa publicación desta Resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do 29 de marzo para que as persoas interesadas poidan corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á que tivesen dirixido a solicitude de participación no concurso.

Para a categoría de médico de família de atención primaria, da cal se publica tamén a oferta de prazas neste ciclo anual, ábrese un prazo de 15 días naturais (entre o 29 de marzo e o 12 de abril, ambos inclusive) para que os participantes, poidan realizar as modificacións que estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...).

No caso de que a solicitude se garde sen ningún destino seleccionado, ésta excluirase do ciclo de adxudicación en curso. No caso de realizar varias modificacións, sempre se tomará como válida a última presentada por rexistro electrónico. Se non se desexa realizar ningunha modificación na selección inicial, non se terá que realizar ningunha operación por parte dos participantes.

A oferta real da categoría de médico de familia de atención primaria, con información do número de vacantes e resultas estará dispoñible no formulario de inscrición no proceso. As modificacións que se realicen deben asinarse electronicamente con certificado dixital e non requirirán a entrega de ningunha documentación adicional.

Nas próximas semanas está previsto que se realice a oferta de prazas para este ciclo anual 2023 para o resto de categorías de persoal estatutario, logo da negociación e aprobación na Mesa Sectorial.

Este é o sexto ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Data de actualización: 28/03/2023