A Xunta inviste case 10 M€ para transformar a vella estrada entre Pontevedra e Marín nun Eixe de mobilidade sostible e seguro para a veciñanza
Rueda pon en valor que as actuacións incluirán sendas peonís e ciclistas, melloras nas paradas de autobús, un aparcadoiro disuasorio ou a habilitación dun miradoiro e zonas verdes
Procúrase humanizar e mellorar a seguridade viaria nunha estrada autonómica pola que transitan cada día unha media de 5000 vehículos
O presidente galego adianta que o obxectivo é que todas as actuacións estean rematadas entre finais de 2024 e primeiro trimestre de 2025
O Goberno galego está a levar a cabo outras medidas para fomentar a mobilidade sostible como os descontos no prezo dos autobuses interurbanos, a aposta polas estacións intermodais ou a Estratexia Galega de Mobilidade que busca reducir un 30 % as emisións derivadas do transporte en 2040
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o investimento da Xunta de case 10 millóns de euros para transformar a vella estrada autonómica entre Pontevedra e Marín (PO-546) nun Eixe de mobilidade sostible que inclúa sendas peonís e ciclistas e que mellore a seguridade viaria da veciñanza.
Remate entre finais de 2024 e principios de 2025
O mandatario galego apuntou que o obxectivo é que todas as actuacións estean rematadas entre finais de 2024 e o primeiro trimestre de 2025 para “unir definitivamente” dun xeito “humanizado” Pontevedra e Marín, xa que lembrou que estas vilas e as súas poboacións “sempre estiveron unidas, pero faltáballes unha vía que non fora só para vehículos e que contase con seguridade viaria”, concluíu.