O conselleiro do Medio Rural presidiu o acto de inauguración das pistas de adestramento para vehículos do Centro e a entrega de 13 motobombas ao Servizo

A Xunta e a Deputación de Ourense alíanse para dotar o Centro integral de loita contra o lume de Toén do máximo potencial

A Deputación Provincial comprometeuse a arranxar os accesos ao Centro, na liña de colaboración establecida noutras cuestións como os convenios asinados coa Consellería e diversos concellos para a dotación de maquinaria de prevención

As pistas de adestramento inauguradas hoxe teñen unha lonxitude de 1.421 metros na que se deseñaron diferentes obstáculos, unha zona de bancada, unha área de lavado e toda a iluminación correspondente por un investimento de case 900.000 euros

A Consellería investiu xa 3,5 millóns de euros neste complexo, entre a adecuación da contorna do centro, rozas e limpezas, peche perimetral e plantación de árbores

Por outra banda, as 13 motobombas entregadas teñen unha capacidade de 3.500 litros de auga e posúen un sistema de protección perimétrica con 2 circuítos independentes

Toén (Ourense), 28 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, escenificaron hoxe a súa colaboración para dotar o Centro integral de loita contra o lume de Toén do máximo potencial. Neste senso, a Deputación Provincial comprometeuse a arranxar os accesos ao Centro, no mesmo día no que se inauguraron as novas pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas do complexo. Foi nun acto no que tamén estiveron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o alcalde de Toén, Ricardo González, e que tamén serviu para a entrega de 13 motobombas ao Servizo de prevención e extinción.

 

Na súa intervención, o titular de Medio Rural puxo de relevo o compromiso entre ambas administracións pola súa anticipación aos lumes, na liña de cooperación establecida con outras cuestións como os convenios asinados recentemente entre a Consellería, a Deputación e 13 concellos para a dotación de maquinaria de prevención de incendios forestais.

 

A visita ao Centro integral de loita contra o lume de Toén serviu para proceder á inauguración das pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas, cuxo investimento ascendeu a case 900.000 euros, e que se acompañou de demostracións por parte dos axentes que están a participar nos cursos que se desenvolven no centro.

 

Estas pistas teñen unha lonxitude total de 1.421 metros na que se deseñaron diferentes obstáculos. Así mesmo, acometeuse a execución dunha pequena bancada, unha área para o lavado de vehículos unha vez rematen os exercicios de adestramento e a iluminación do circuíto. Tamén se procedeu á construción dunha pista de adestramento para o dispositivo contraincendios -cunha lonxitude próxima ao quilómetro- na que se alternan unha serie de obstáculos acordes co adestramento deste colectivo.

 

Centro de formación e investigación

O Centro integral de loita contra o lume de Toén será un centro de referencia para a cooperación, a investigación e a formación continua en materia de incendios forestais, onde se poderán beneficiar bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios forestais. Así, o investimento previsto para o acondicionamento deste complexo sitúase nos 15 millóns de euros, incluíndo a rehabilitación dos edificios e a ordenación de toda a contorna do centro, para convertela nun modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal.

 

Neste senso, cabe indicar que a Consellería investiu xa 3,5 millóns de euros neste complexo. Procedeuse á adecuación da contorna do centro, realizando a limpeza, roza e retirada de arborado próximo ás edificacións, o tapado de pozos, arquetas e ocos existentes; así como a construción e mellora de viais de acceso. Tamén se executou o peche en todo o perímetro da parcela orixinal do complexo e procedeuse á plantación de árbores de distintas especies.

 

O seguinte encargo centrarase na rehabilitación do antigo edificio da lavandería para convertelo nun centro administrativo e de formación de brigadas forestais. Neste senso, cabe incidir en que este centro integral constituirá o eixe central do Plan de formación, centralizando así nun mesmo punto a instrución de todo o Servizo e converténdose nun lugar de intercambio de experiencias con outros dispositivos de prevención e extinción de incendios forestais, tanto nacionais como internacionais.

 

Neste centro tamén se instalará unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais contraincendios como defensores do monte e, por extensión, da seguridade das persoas e dos seus bens.

 

Entrega de motobombas

No acto de hoxe, o conselleiro tamén fixo entrega de 13 novas motobombas ao Servizo de prevención e extinción de incendios forestais, que supuxeron un investimento de case 3,3 millóns de euros, financiados mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU. Trátase de vehículos con capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de capacidade útil de auga, ademais de posuír un sistema de protección perimétrica con dous circuítos independentes.

 

A entrega complementarase coa realización de 13 cursos teórico-prácticos impartidos nos distritos forestais aos que se lles asignan os novos vehículos, e destinados aos bombeiros forestais condutores de motobomba que van manexalos. Neste senso, irán dúas motobombas para o distrito forestal de Terra de Lemos (VIII) e unha motobomba para cada un dos distritos forestais de Bergantiños-As Mariñas Coruñesas (II), de Santiago-Meseta interior (III), de Fisterra (V), da Fonsagrada-Os Ancares (VII), do Ribeiro-Arenteiro (XI), de Miño-Arnoia (XII), de Verín-Viana (XIV), da Limia (XV), de Deza-Tabeirós (XVI), de Vigo-Baixo Miño (XVIII) e de Caldas-O Salnés (XIX).

 

Así mesmo, José González salientou que tamén está previsto entregar este ano ao Servizo outras máis de 15 motobombas e máis dunha ducia de batracios (que consisten nun tractor con rozadoira para tarefas de prevención e unha cisterna de gran capacidade para os traballos de extinción), xunto a equipamentos de inverno e verán do dispositivo ou equipos de protección individual (EPI) de extinción e adquisición de autorrescatadores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023