A Xunta colabora un ano máis coa Moexmu de Muimenta, que se celebra do venres ao domingo

Lugo, 28 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa Mostra Exposición de Muimenta – Moexmu -, que celebra unha nova edición entre o venres 31 de marzo e o domingo 2 de abril. A sede da Administración autonómica en Lugo acolleu hoxe a presentación do certame coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; e membros da comisión organizadora, Daniel Pollán (presidente), José Manuel Rus (coordinador) e Manuel Rancaño (vogal).

A Moexmu chega esta ano á súa 39 edición e contará con máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 estarán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. O recinto feiral acollerá o 37º Concurso de Gando Frisón, a 27ª Poxa de Gando Selecto e a 37ª Exposición de Raza Rubia Galega. Segundo apuntan desde a organización, hai inscritas 18 ganderías, a maioría galegas e unha de Asturias. En total haberá 83 cabezas de gando para o concurso e 10 para a poxa; e na exposición de Raza Rubia Galega participan 13 cabezas de gando en colaboración con Acruga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023