O presidente do Goberno galego recibiu hoxe o equipo no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela

Rueda felicita as xogadoras do Baxi Ferrol polo seu ascenso á Liga Feminina e amósalles o apoio da Xunta

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, felicitou hoxe as xogadoras do equipo de baloncesto Baxi Ferrol polo seu ascenso á Liga Feminina Endesa e garantiulles o apoio da Xunta nesta nova etapa na máxima categoría.

“Se Galicia sempre ten sido un grande equipo, vós sodes un dos grandes equipos de Galicia”, aseguroulles o mandatario galego ás xogadoras na recepción oficial ofrecida no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
 
Rueda considerou necesario este acto para “pór en valor” este ascenso, que considerou produto dun “grande esforzo” ao longo de moitos destes anos e enxalzou o feito de que, neste intre, en Galicia se conte con dous equipos na primeira división do baloncesto feminino, xunto co Durán Maquinaria Ensino. Ademais, amosou a súa confianza en que, finalmente, cheguen a ser tres co ascenso do Celta Zorka Recalvi. “Se estamos mellorando moito en deporte en Galicia é, en gran parte, grazas ao deporte feminino”, concluíu o presidente da Xunta.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/03/2023