A Xunta afronta a fase final da senda peonil da estrada PO-549 ao seu paso por Corón, en Vilanova de Arousa, cun investimento de 1,1 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou hoxe, acompañado polo alcalde Gonzalo Durán, os traballos dunha actuación que permitirá conectar a través dun itinerario seguro os municipios de Cambados, Vilanova, A Illa e Vilagarcía de Arousa

A obra, que xa rolda o 80 % da súa execución, contempla a construción de senda e reposición de beirarrúas existentes, a reordenación dos aparcamentos e medidas complementarias de seguridade viaria con pasos de peóns e regulación semafórica

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará de xeito inminente as obras dunha nova senda en Caleiro correspondente coas estradas PO-302 e PO-306 cunha lonxitude de 1,4 quilómetros e un investimento estimado de 1,2 M€

Compartir
  • whatsapp

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 28 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a afrontar a fase final das obras de construción da senda peonil da estrada autonómica PO-549 ao seu paso por Corón, no Concello de Vilanova de Arousa. A súa execución rolda o 80 % e supón un investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía, acompañado pola xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, o alcalde, Gonzalo Durán, e o tenente de alcalde, Javier Tourís, o estado desta actuación que, ao seu remate, permitirá conectar a través dun itinerario peonil seguro os municipios costeiros de Cambados, Vilanova, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

“Estamos moi satisfeitos dos avances dunha obra moi importante e tamén complexa, posto que se sitúa nunha zona bastante residencial e cun elevado volume de tráfico, pero cremos que se trata dunha infraestrutura fundamental para a mobilidade peonil dos catro concellos do norte do Salnés, posto que completará os treitos seguros xa realizados entre Tarrío e Cores, e coa mellora do tramo de concentración de accidentes desta estrada”, explicou o representante autonómico, que detallou que un total de 70.000 habitantes destes municipios se beneficiarán destes proxectos executados consecutivamente polo departamento que dirixe Ethel Vázquez.

A obra de Corón, financiada con Fondos React-UE, comprende un treito de 3,27 quilómetros, dos que os 500 primeiros metros se corresponden co termo municipal de Vilagarcía de Arousa. Os traballos realizados consisten na construción dunha senda peonil nos espazos que carecen de beirarrúas, a reposición das mesmas nos puntos nos que están deterioradas, a reordenación das prazas de aparcamento e a adopción de medidas complementarias para o reforzo da seguridade viaria, como a instalación e reubicación de pasos de peóns e de regulación semafórica.

Deste xeito, conformarase un itinerario peonil seguro cunha anchura variable, que oscilará entre os 90 centímetros naqueles puntos nos que non existe máis espazo pola presenza de vivendas ata os 3 metros nos lugares de maior dispoñibilidade, e que ademais estará dotado en diversas zonas por unha franxa verde central e por beiravías que tamén variarán entre 1 e 2,5 metros de anchura.

Paralelamente, e a petición do Concello de Vilanova de Arousa, introducíronse diversas melloras no que se refire ao estacionamento e ás conducións de abastecemento de auga e estase a redactar o proxecto para a instalación dun novo alumeado.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que xa rematou as sendas vilanovesas cara á ponte da Illa de Arousa e as das zonas de Deiro, Tarrío-Cores e o propio tramo urbano, traballa paralelamente a esta senda de Corón nun próximo proxecto similar en Caleiro, que se vai licitar de xeito inminente. A nova actuación executarase nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, terá unha lonxitude de 1,4 quilómetros e suporá un investimento estimado de 1,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/03/2023