A Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural reúnen máis de 60 axentes do sector na xornada ‘Diálogos de danza’

Estase a celebrar na Cidade da Cultura de Galicia no marco do Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a partir dun proceso aberto e participativo

O obxectivo do encontro é a análise e a proposta de fórmulas que permitan aumentar os índices de exhibición dos espectáculos de danza e artes do movemento

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 Máis de 60 persoas están a participar hoxe na xornada Diálogos de danza. Unha ponte entre a creación e a programación, que ten lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo a organización da Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. O encontro insírese no marco das medidas recollidas no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a partir dun proceso aberto e participativo co sector, que fai fincapé na necesidade de abrir foros periódicos de colaboración e debate cara ao deseño de novas iniciativas de impulso e promoción no ámbito da danza e as artes do movemento.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na apertura deste encontro, deseñado para “impulsar o diálogo construtivo entre as persoas con responsabilidade na programación e xestión dos espazos de exhibición respecto aos artistas e creadores” co fin de dinamizar e incrementar as contratacións de danza en Galicia. “A creación artística e a xestión cultural son dúas figuras que deben traballar xuntas, por iso a complicidade entre as administracións con competencias en cultura é fundamental para lograr o obxectivo de darlle visibilidade á nosa danza actual tanto en Galicia como fóra”, sinalou.

Responsables de programación cultural de espazos públicos e privados, representantes de compañías e distribuidoras de danza e outros profesionais do sector inscribíronse nesta xornada, que coordinan Manu Lago, xestor cultural independente, e Paula Quintas, bailarina, creadora e investigadora.

Panorámica e propostas de mellora

O evento continuou coa presentación dos resultados do proceso de análise levado a cabo pola Axencia Galega das Industrias Culturais, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e Escena Galega, dando conta do seu desenvolvemento, facendo unha panorámica do sector e apuntando propostas de mellora.

A continuación tivo lugar unha sesión de pitching, na que se inscribiron as empresas e compañías Amarelo, Kirenia Danza, Fran Sieira Compañía de Danza, Can Cun Quinqué, Et Suseia Danza!, Laboratorio Escénico, Cali Danza e Mevadeus para presentar os seus novos proxectos, incidindo especialmente na diversidade de formatos e públicos.

Diálogos de danza acolleu tamén unha mesa redonda sobre prácticas e experiencias inspiradoras que se están a levar a cabo en Galicia, así como outra sobre os novos modelos de exhibición da danza.

Xa pola tarde e coa intención de promover unha dinámica de grupo arredor dos puntos chave abordados con anterioridade, Diego Parajó coordinará unha sesión de traballo conxunto e de diálogo entre compañías e programadores. A xornada pecharase coa presentación de conclusións da man de Paula Quintas e Manu Lago xunto co presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo.

Data de actualización: 28/03/2023