A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe este espazo protexido, incluído na Rede Natura

A Xunta destina preto de 750.000 euros á restauración e conservación das Gándaras de Budiño, no concello do Porriño

Ángeles Vázquez salienta o obxectivo de facer posible a coexistencia entre a preservación desta Zona de Especial Conservación (ZEC), o seu desfrute público e as necesidades das zonas industriais e comerciais limítrofes

O Porriño (Pontevedra), 29 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia destina preto de 750.000 euros de Fondos Next Generation á restauración e conservación das Gándaras de Budiño, un ecosistema, incluído na Rede Natura 2000, que conta con elementos únicos nos contextos galego e ibérico e que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera estratéxica.

Segundo explicou a conselleira, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou hoxe a este espazo protexido, na que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, este proxecto, cuxo prazo de execución é de 8 meses, ten como obxectivo facer posible a “coexistencia” entre a preservación desta Zona de Especial Conservación (ZEC), o seu desfrute público e as necesidades das zonas industriais e comerciais limítrofes.

Nesa liña, esta iniciativa permitirá mellorar un ecosistema de zonas húmidas de alto valor ambiental que facilite a conservación e protección da emis orbicularis -unha especie de tartaruga en perigo de extinción- e das aves migratorias e estacionarias que utilizan este hábitat.

Para acadar ese obxectivo nesta zona húmida levaranse a cabo diversas actuacións como a limpeza, roza de vexetación e eliminación de plantas exóticas invasoras; a supresión de restos antrópicos, e o dragado para aumentar o calado das lagoas e favorecer a permanencia de auga nas mesmas en períodos de seca.

A maiores, tamén se crearán novos observatorios de aves, se reparará o xa existente da Charca de Orbenlle e se construirán novas pantallas de ocultación dos visitantes que queiran observar as especies animais.

A conselleira salientou que con esta actuación o Goberno galego mellora un ecosistema de especial valor ambiental, protexe fauna en perigo, implementa máis e mellores recursos para as aves e incentiva o uso público respectuoso. Deste xeito, poñemos en valor un espazo natural que se vai converter no “gran ecosistema do Porriño e dos seus arredores”, concluíu Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023