A Xunta aproba o proxecto de construción do novo treito da autovía de Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e Pontevea, que suporá un investimento de máis de 33 M€

Este 1º treito da prolongación da AG-59 como autovía libre de peaxe discorrerá de norte a sur e paralelo á AC-841 ao longo de 3,5 km no termo municipal de Teo

O obxectivo da Xunta é licitar as obras en abril, por máis de 32,3 M€, para poder comezalas este ano

Executaranse dous enlaces: un de adecuación do existente na Ramallosa cara á AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito

Nesta intervención construiranse 6 novas estruturas que inclúen o viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores

En paralelo, segue avanzándose no proxecto de construción da segunda fase de prolongación da autovía autonómica: outros 4 km entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de asinar a resolución da aprobación do proxecto de construción do novo treito de 3,5 novos quilómetros da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.

Trátase da primeira intervención para o impulso da prolongación da AG-59, que dá continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo e que suporá un investimento da Xunta de 33.101.705 euros, no que se inclúe o pagamento dos 291 predios necesarios para executar os traballos.

O obxectivo da Xunta é licitar as obras neste vindeiro mes de abril, para poder comezalas este ano. A intervención conta cun prazo de execución de 20 meses.

O importe da contratación destas obras de prolongación deste novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago ascende aos 32.352.634 euros. A consellería de Infraestruturas e Mobilidade elevará nas vindeiras semanas ao Consello da Xunta a contratación das obras.

En concreto, o novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.

En canto ás características deste novo tramo da autovía considérase unha velocidade de proxecto de 100 km/h, con 4 carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros, beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores.

A súa lonxitude é de algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito. A Actuación inclúe 6 novas estruturas: viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores. 

En concreto, redeséñase o enlace existente na Ramallosa que une a AG-59 coa estrada AC-841, que constará dun ramal dirección Santiago e un de saída á AC-841. O novo enlace que se construirá na AC-241 constará dunha vía de acceso á AG-59 en sentido Santiago e un de saída, que termina nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a estrada AC-241. 

Tamén se executarán ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo. 

As 6 estruturas de nova construción son: o viaduto en Santa Lucía, de 150 metros de lonxitude; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa de 56 metros de lonxitude e outro no enlace coa AC-241 de algo máis de 39 metros de lonxitude; e os tres pasos inferiores. 

O proxecto de trazado previo á aprobación da redacción do proxecto construtivo, que agora vén de aprobar o departamento de Infraestruturas da Xunta, conta tamén coa declaración de impacto ambiental favorable por parte do organismo competente. 

Froito deste proceso, a Xunta, unha vez analizadas as achegas presentadas, incorporou ao proxecto construtivo un novo camiño de servizo entre os puntos quilométricos 106+300 ao 106+700, para dar continuidade e posibilitar a comunicación entre ambas as marxes da autovía. Ademais, executarase un novo camiño de servizo paralelo ao tronco da autovía proxectada entre os puntos 107+120 ata o 107+320 coa finalidade de mellorar os accesos e comunicacións entre ambas as marxes da nova infraestrutura, das leiras e explotacións gandeiras existentes nesta entorna.

Tamén se realizará un cambio de trazado e a reposición do oleoduto Coruña-Vigo que atravesa a traza da AG-59 en dous puntos: na zona do enlace da Ramallosa, no punto 100+240, e na zona previa ao viaduto de Santa Lucía, no 100+400. Inclúese, tamén, a modificación da sección dos pasos inferiores dos eixos 11 e 19 (puntos quilométricos 106+320 e 107+119) e do paso superior do eixo 17 (punto 104+789), co obxectivo de dar continuidade ao Camiño da Geira e dos Arrieriros interceptados pola actuación. 

Outros 4 km entre Pontevea e O Rollo

En paralelo, a Xunta segue avanzando no proxecto de construción das obras da segunda  fase de prolongación da autovía autonómica: outros 4 quilómetros entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada. Esta intervención suporá un investimento da Xunta de 34,4 M€. 

A prolongación da AG-59 é un obxectivo estratéxico da Xunta para mellorar a seguridade viaria e a vertebración territorial, permitindo reducir os tempos de viaxe entre os municipios de Santiago de Compostela e A Estrada a 10 minutos sen pagar peaxes.

As obras para completar a autoestrada entre as dúas localidades contarán cun investimento de máis de 65 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023