A Xunta mellorou a accesibilidade ao Espazo Xove de Chantada cun investimento de 35.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a Consellería de Política Social e Xuventude acaba de instalar unha plataforma elevadora na entrada para garantir o acceso a persoas con mobilidade reducida

Lembra que o edificio acolle tamén a Unidade de Atención Temperá, financiada pola Administración autonómica cunha achega de 293.000 euros ata o ano 2024

Chantada (Lugo), 30 de marzo de 2023

A Consellería de Política Social e Xuventude vén de mellorar a accesibilidade ao Espazo Xove de Chantada coa instalación dunha plataforma elevadora na entrada ao edificio. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, que supuxo un investimento próximos aos 35.000 euros.

A obra incluíu a eliminación da escaleira para substituíla por unha plataforma elevadora con capacidade para cadeiras de rodas, co obxectivo de eliminar barreiras arquitectónicas e garantir o acceso a persoas con mobilidade reducida. Tamén se mellorou un segundo acceso ao inmoble ampliando a escaleira existente para adaptala á normativa vixente.

Arias destacou que os Espazos Xove da Xunta ofrecen aos usuarios un conxunto de actividades e servizos orientados aos mozos e mozas da contorna. Ademais, o de Chantada alberga a Unidade de Atención Temperá que comparte este Concello cos de Taboada e Carballedo e que está financiado pola Administración autonómica cunha achega de 293.000 euros ata o ano 2024.

O delegado lembrou que este recurso, moi demandado polas familias, ten por obxecto responder o antes posible ás necesidades que presenta a poboación infantil de ata 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. No centro chantadés, unha psicóloga, unha logopeda e unha mestra de infantil atenden gratuitamente a 40 nenos e nenas, e en breve sumarase ao equipo unha terapeuta ocupacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023