A Xunta e o Concello de Teo asinan o convenio para a construción do novo centro de saúde da localidade

Esta nova infraestrutura permitirá incrementar a carteira de servizos da atención primaria no concello ao incorporar unha área de saúde bucodental

A construción deste novo centro de saúde está prevista no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado no Consello da Xunta en outubro de 2021
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

  O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde Teo, Rafael Sisto, acompañados polo delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, e pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo centro de saúde no concello de Teo.

No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello asume o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela que contará con aproximadamente 10.460 m2, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración.

A dispersión da actividade asistencial en catro centros de dimensións reducidas dificulta a planificación de persoal tanto na dotación como nas substitucións, e faise necesario poder contar cun centro de saúde que tamén teña capacidade para poder incrementar a carteira de servizos incorporando saúde bucodental.

Con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado, e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.

Se ben no proxecto inicialmente incluído no devandito Plan estaba prevista a construción do novo centro de Saúde en Teo que substituíse aos actuais de Cacheiras e Os Tilos, despois de manter unha reunión coa área sanitaria, o goberno local e os grupos políticos representados na corporación, chegouse ao acordo de mudar a decisión e o novo proxecto substituirá aos actuais centros de Cacheiras e Pontevea.

Así, o novo centro de saúde finalmente construirase no lugar da Ramallosa, ubicación que se considera a mellor para poder atender á poboación teense, decisión á que se chegou despois de manter distintas reunións nas que quedou patente a necesidade de manter en funcionamento o actual centro de saúde dos Tilos.

Se ben o novo centro de saúde de Teo formaba parte da Fase 2 deste Plan, a celeridade do concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata ten levado ao Goberno galego a priorizar a proposta deste novo centro de saúde.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 16 consultas de adultos, área bucodental, un despacho de traballador social, dúas salas de técnicas e unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións, área de pediatría con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermería pediátrica, unha sala de observación, unha sala de docencia e unha zona de vestiario de pacientes.

Infraestruturas de atención primaria na provincia de A Coruña

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia da Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón, e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira (pequenas obras de reforma), Mugardos e Bertamiráns.

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia da Coruña, permitiu xa a sinatura de convenios para a construción de novos centros en Abegondo (co proxecto arquitectónico xa adxudicado), A Coruña (Santa Lucía) ou Noia, así como para a transformación do centro de saúde de Carballo en Centro Integral de Saúde. 

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65%, ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021, que contaba co fondo extraordinario COVID.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023