O concello coruñés de Frades estrea centro sociocomunitario en Ponte Carreira co apoio da Xunta

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na inauguración da infraestrutura, na que o Goberno galego investiu 232.000 euros para a construción e o equipamento

A colaboración enmárcase no compromiso do Executivo autonómico coas administracións locais a prol da prestación de servizos municipais de calidade

Frades (A Coruña), 31 de marzo de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe en Frades na inauguración do novo centro sociocomunitario de Ponte Carreira, no que a Xunta investiu 232.000 euros para a construción e a dotación de equipamento.

Diego Calvo interesouse pola dotación ao edificio dos elementos precisos para o desenvolvemento das actividades previstas, de tipo lúdico, social e formativo. Segundo puido comprobar, adquiriuse todo tipo de mobiliario e complementos para equipar a área de recepción, as salas de uso múltiple, a cociña, o almacén e os despachos. A achega da Xunta ao equipamento foi de 32.000 euros, o que representa o 80 % do gasto total de 39.356 euros.

Así mesmo, para a construción do centro, o Goberno galego, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, asinou un convenio co Concello de Frades polo que lle achegou 200.000 euros. O vicepresidente segundo destacou a funcionalidade e eficiencia da nova infraestrutura, xa que conta no interior con paneis móbiles que permiten dividir ou ampliar as salas de uso múltiple segundo as necesidades. Ademais, o seu exterior está revestido con fachada ventilada en paneis de aluminio nun dos seus volumes e de pedra granítica no de maior altura.

Segundo sinalou Diego Calvo, a iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ás administracións locais en beneficio da mellora dos servizos e das infraestruturas municipais, en especial no caso dos concellos máis pequenos do rural galego. Trátase de medidas que responden á aposta da Xunta “a prol do principal activo de Galicia, as persoas, e en especial as que manteñen vivos os pequenos concellos do rural”, engadiu o vicepresidente segundo.

Investimento superior aos 775.000 € en Frades

Neste marco de acción, referiuse ás distintas liñas de apoio impulsadas pola Xunta, como a orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, e o Fondo de Compensación Ambiental, con máis de 11 millóns de euros. O conxunto de medidas de apoio ao eido local supuxeron un investimento en Frades superior aos 775.000 euros que permitiron actuacións como a mellora da accesibilidade no edificio multiúsos, a construción dun parque infantil cuberto na parroquia de Abellá ou o financiamento do servizo de protección do medio natural compartido con Ordes.  

Segundo indicou, a estas convocatorias súmase este ano unha nova que se publicará en breve, destinada aos municipios de menos de 30.000 habitantes e cofinanciada con fondos FEDER. Conta cunha dotación de 7,8 M€ en dúas anualidades, das que a Xunta achegará 3,1 M€, para financiar actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais tanto este 2023 como en 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023