Martina Aneiros pon en valor a canteira do remo local na presentación da I Bandeira de bateis Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

Ferrol, 31 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da I Bandeira de bateis Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organizada polo Club de Remo A Cabana. A cita terá lugar o próximo 6 de abril no porto de Curuxeiras, un novo escenario que, como indicou Aneiros, “facilitará o seguimento da proba por parte da afección e na que tomarán parte uns 200 deportistas”.

Na súa intervención, a delegada territorial destacou a tradición coa que esta disciplina deportiva conta na cidade e gabou o traballo realizado dende o club organizador promovendo este deporte dende as categorías de base. “Levades máis de trinta anos achegando este deporte aos mozos e mozas de Ferrol desde as idades máis temperás, con propostas como as escolas de verán que se reeditan ano tras ano na nosa ría. Gracias a esa semente pódese chegar a competir en regatas como a que hoxe presentamos”, sinalou.

Aneiros puxo en valor a colaboración da Xunta na proba incluída no calendario galego da modalidade á que lle augurou un bo resultado, “tanto na organización como nas propias competicións dos bateis”. A competición patrocínase grazas ao convenio de colaboración anual entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Remo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023