A Xunta concede a cinco empresas agroalimentarias do Deza case 1,1 M€ en axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe desta resolución nunha visita a Cogal, unha das beneficiarias con 373.317€ de achega para diversas melloras das súas instalacións e do funcionamento da súa industria

As outras firmas dezás que contan co apoio da Consellería do Medio Rural para a modernización da súa produción son Cobideza, Avícola Tratante, TripasDeza e Embutidos Lalinense, que acometerán uns investimentos globais de preto de 3 M€

“A comarca do Deza é líder e referencia do sector primario en Galicia, polo que conta, para o seu desenvolvemento, cun apoio decidido da Xunta, que concedeu a esta bisbarra a metade das axudas desta liña para a provincia de Pontevedra”, sinalou o representante autonómico

Rodeiro, 31 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de conceder 1.083.120 euros a cinco empresas agroalimentarias da bisbarra do Deza en axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe desta resolución nunha visita á empresa rodeirense Cogal, que é unha das beneficiarias desta liña cunha achega de 373.317 euros para diversas melloras nas súas instalacións e no funcionamento da súa industria que están actualmente en fase de execución. 

En total, as cinco firmas dezás que contan co apoio da Consellería do Medio Rural ao abeiro desta orde van realizar investimentos nas súas instalacións por unha contía lixeiramente inferior aos 3 millóns de euros e recibirán os citados case 1,1 millóns en axudas. As empresas beneficiarias son Cobideza, con 119.250 euros de investimento e 59.625 euros de axuda; Avícola Tratante, con 826.860 euros de investimento e 372.087 euros de axuda; Cogal, con 933.294 euros de investimento e a achega xa referida; TripasDeza, con 252.820 euros de investimento e 63.205 euros de axuda; e Embutidos Lalinense, con 859.546 euros de investimento e 214.886 euros de axuda.

“A comarca do Deza e as súas empresas, explotacións e produtores son líderes e referencia do sector primario e agroalimentario en Galicia, polo que contan, para o seu desenvolvemento, cun apoio decidido da Xunta, que cómpre destacar que concedeu a esta bisbarra a metade das dez axudas aprobadas para a provincia de Pontevedra ao abeiro desta liña”, sinalou o representante autonómico.

Visita ao proxecto de Cogal

No marco da súa visita, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, coñeceu os proxectos de mellora que está a desenvolver Cogal con esta achega autonómica e que consisten na instalación dun local para a zona de residuos, unha cámara de subprodutos, máquinas cortadoras, liñas de etiquetado intelixente, envolvera automática, un software de xestión cárnica da planta e A ampliación do hardware. 

A empresa, que está a piques de cumprir 40 anos e conta 21 socios e preto de 200 empregados en todo o grupo, é lider do sector cárnico do coello en Galicia cunha produción de máis de 5 millóns de animais ao ano grazas ás súas preto de cen explotacións e o matadoiro co que conta en Álceme. 

“Cogal é un exemplo, un orgullo para Rodeiro e un referente no sector agroalimentario de España, porque sostén moitísimos postos de traballo, porque pon en valor a forza das empresas galegas e do noso agro e porque está en constante evolución para seguir mellorando, e por iso ten un respaldo constante da Xunta de Galicia, que xa lle concedeu máis de 3 millóns de euros en axudas ao longo da última década para acompañala no seu crecemento”, destacou o delegado territorial.

Neste senso, cómpre sinalar que as melloras da empresa nos últimos anos pasaron pola modernización da liña de transformación para incrementar a produción, a instalación dunha central fotovoltaica, a adquisición de maquinaria de última xeración e a ampliación das súas instalacións na entrada da vila de Camba.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023