A Xunta investirá preto de 1 M€ na obra que unificará o centro de saúde e o PAC en Outeiro de Rei

O conselleiro de Sanidade informou ao alcalde de Outeiro de Rei do inicio do trámite administrativo para licitar o proxecto arquitectónico

A obra permitirá que o Punto de Atención Continuada abandone a súa localización actual e se integre co centro de saúde a través dunha ampliación de 557 m2

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, mantiveron unha reunión para falar dos avances para a execución das obras de ampliación do centro de saúde deste concello para integrar nel o Punto de Atención Continuada (PAC). A actuación, que suporá un investimento de preto dun millón de euros, iniciou xa o seu trámite administrativo.

O conselleiro e a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, trasladaron ao alcalde que o Sergas ten iniciado o trámite da contratación do proxecto arquitectónico desta obra, que o Sergas licitará por máis de 72.000 euros nas vindeiras semanas, en canto se obteñan os informes xurídicos preceptivos.

Esta licitación será posible grazas a que o pasado catro de maio, Xunta e Concello de Outeiro de Rei asinaron o protocolo de colaboración para a execución destas obras, que daba cobertura legal ao concello para comezar o proceso de adquisición da parcela lindeira ao actual centro de saúde, e comprometía á Xunta de Galicia a executar as obras unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

Unha vez o concello comunicou que xa completara a adquisición dos terreos procedeu a remitir á administración autonómica un certificado de dispoñibilidade da titularidade plena da parcela, que habilita ao Goberno autonómico a licitar esta actuación.

A ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei figura na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021. Na diagnose do Plan, priorizouse a necesidade asistencial de integrar estes dous puntos de asistencia sanitaria nun mesmo espazo, así como de ampliar os espazos do actual PAC, situado nun edificio construído en 1981 como casa do médico e con dimensións e distribución pouco funcionais para o seu uso sanitario.

Nese sentido, formulouse un plan funcional que prevé unhas novas instalacións de 557,8 m2  de xeito anexo ao actual centro de saúde, que permitirán albergar un PAC cun maior tamaño das consultas de medicina e enfermería e da sala de observación que alberga o box de críticos, así como a incorporación de novos espazos, como unha sala polivalente ou vestiarios, ademais de integrar tamén a base da ambulancia localizada.

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Lugo

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 113 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e O Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Carballedo, Sarria, Monterroso ou O Saviñao. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Palas de Rei, Xermade, Portomarín ou Friol.

Para continuar con este esforzo, en 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Lugo, prevé a construción de seis novos centros de saúde e seis reformas e ampliacións.

Así, na capital da provincia estase a rematar a construción do Centro Integral de Saúde de Lugo, cun investimento de máis de 13 millóns de euros, e vense de adxudicar o proxecto arquitectónico da reforma do centro de saúde da Milagrosa, unha actuación que suporá un investimento de 2,5 millóns.

No distrito sanitario de Lugo, tamén están xa adxudicados os proxectos arquitectónicos do novo centro de saúde de Antas de Ulla e da ampliación do centro de saúde de Meira.

 

Data de actualización: 31/03/2023