O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visita as obras

A Xunta rematará a restauración do Camiño Real no acceso á Fortaleza de Monterrei esta primavera

A actuación impulsada polo Goberno galego con preto de 700.000 € ten por obxectivo recuperar a calzada e mellorar as condicións de accesibilidade ao castelo

A intervención forma parte do compromiso da Administración autonómica coa conservación do patrimonio cultural da Comunidade e permiten incrementar e reforzar o valor deste espazo medieval

Os traballos sacaron á luz unha poterna, un elemento destacado da muralla medieval que será incorporado como un elemento de interese no conxunto

Monterrei (Ourense), 31 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia rematará as obras de conservación e posta en valor do Camiño Real que dá acceso á Fortaleza de Monterrei esta primavera. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.  

O titular de Cultura informou de que a actuación impulsada polo Goberno galego con preto de 700.000 finalice permite “incrementar e reforzar o interese patrimonial deste espazo medieval”. Así mesmo, explicou que o obxectivo é recuperar a calzada ao tempo que se melloran as condicións de accesibilidade ás edificacións do interior da muralla, entre as que se atopa o Parador de Turismo, e se incorporan redes de canalización e saneamento.

Así, tal e como afirmou o conselleiro, a intervención deste proxecto “vai máis alá dunha mera restauración física e material” do acceso á fortaleza ao incorporar actuacións de urbanización tan relevantes como son a canalización das redes de electricidade, abastecemento de auga, comunicacións ou saneamento, así como a precanalización para unha rede de gas futura.

 

Equilibrio entre preservación e funcionalidade

“Os traballos forman parte do noso compromiso co coidado e divulgación do rico e variado patrimonio cultural da nosa Comunidade”, salientou Román Rodríguez antes de engadir que un dos obxectivos da Xunta de Galicia é procurar o equilibrio “entre a preservación e a funcionalidade para que recursos como este sexan útiles para todos os veciños”.

 

En concreto, o proxecto que se está levando a cabo inclúe o levantamento e inventariado de pezas, o rediseño e o recolocado do pavimento, procurando unha rasante suficientemente chaira para satisfacer as necesidades do tráfico rodado. Cómpre lembrar tamén que no transcurso destes traballos descubriuse unha poterna, un elemento destacado da muralla medieval, polo que as obras inclúen a posta en valor desta peza para incorporala como un elemento de interese no conxunto fortificado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023