O Museo de Artes de Ribeira celebra co apoio da Xunta o 50 aniversario do pasamento de Picasso cunha mostra de gravados do artista

O director xeral de Cultura participa na inauguración da exposición, que reúne 44 pezas do pintor malagueño e que se completará con dous proxectos expositivos máis ata outubro

Anxo M. Lorenzo destaca a vinculación deste centro co autor e a súa contribución con varias pezas á exposición ‘Picasso, branco no recordo azul’

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da programación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital co gallo do 50 aniversario do pasamento de Picasso, que conta co apoio da Xunta de Galicia. O programa cultural específico para esta ocasión arranca cunha primeira mostra, Gravados ao linóleo de Pablo Picasso, que estará aberta ao público ata finais de abril.Está conformada por 44 linogravados que recollen parte do traballo nesta técnica realizado polo pintor entre os anos 50 e 60.

No acto, o representante da Consellería de Cultura destacou a vinculación do Museo de Artes coa figura de Picasso, dado que custodia distintas obras do artista. Así mesmo salientou a súa aportación, con varias pezas, a Picasso, branco no recordo azul, a gran exposición coa que a Xunta reivindica a pegada galega na traxectoria do artista, que xa se pode visitar no Museo de Belas Artes da Coruña. Neste senso, aproveitou para agradecer publicamente á institución ribeirense o préstamo desta obra.

O acto de inauguración completouse coa presentación, no mesmo museo, da obra Unha historia da arte galega, do historiador Carlos L. Bernández, na que fai un percorrido desde as mámoas e os petróglifos ata as tendencias estéticas das últimas décadas.

Data de actualización: 31/03/2023