A Xunta apoia a candidatura de Forestal del Atlántico aos fondos europeos Innovation Fund para impulsar o seu proxecto de produción de metanol verde en Mugardos
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse en Santiago de Compostela coa empresa á que agradeceu polo compromiso que están demostrando con Galicia
A Administración galega vén de solicitar ao Goberno unha modificación da actual planificación eléctrica para garantir a futura execución do proxecto
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con Forestal del Atlántico á que agradeceu o compromiso que están demostrando con Galicia. Conde trasladou o apoio da Xunta á candidatura que esta empresa presentou para acceder aos fondos europeos Innovation Fund para impulsar o seu proxecto de produción de metanol verde en Mugardos.
Conde explicou que este financiamento é fundamental para a viabilidade do proxecto, unha vez que o Goberno non tivo en conta a iniciativa -denominada Triskelion pola empresa- na repartición de Pertes feita ata o momento.
Ademais, o vicepresidente económico considera imprescindible cubrir as necesidades enerxéticas que vai necesitar Forestal del Atlántico, por iso é un dos proxectos para os que a Xunta vén de solicitar ao Goberno unha modificación da actual planificación eléctrica (2021-2026), fundamental para garantir a futura execución do proxecto.
A iniciativa supón, segundo as previsións da empresa, un investimento de aproximadamente 180 millóns de euros. Foi declarada proxecto industrial estratéxico pola Xunta de Galicia, o que lle permite a tramitación unificada nun só procedemento de todas as autorizacións, reducindo os prazos á metade, con todas as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.