O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe á celebración dos 40 anos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

A Xunta sinala que os traballadores sociais son un piar fundamental na atención ás persoas en situación de vulnerabilidade

Lembrou que o Goberno galego procura facilitar o seu traballo mediante a ferramenta informática Matiass

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu esta tarde á celebración do 40 aniversario do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Durante o evento puxo en valor o labor destes profesionais por ser un piar fundamental na atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e por permitir facer da nosa Comunidade un lugar máis xusto, igualitario e solidario.

 

A Consellería de Política Social e Xuventude valora a labor destes profesionais por ser un piar fundamental dos servizos sociais, e agradece a súa dedicación na atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, co obxecto de proveer dos apoios necesarios para que estas poidan acadar unha vida autónoma, digna e de calidade.

 

O director xeral subliña o seu esforzo na promoción e protección da convivencia, das interaccións nas contornas familiares, comunitarias e sociais, imprescindibles para garantir un adecuado desenvolvemento que favoreza a protección e a inclusión social.

 

Vinte anos do Matiass

Para a consecución destes obxectivos é necesario artellar toda unha serie de ferramentas, e neste sentido, Arturo Parrado lembrou que a Xunta de Galicia leva máis de vinte anos traballando na actualización dun manual de traballo, información e asesoramento dos servizos sociais como é o Matiass, que achega información de todo tipo de recursos para que os técnicos poidan prestar unha atención eficaz nas diferentes demandas das persoas usuarias dos servizos comunitarios de Galicia

 

Tamén apuntou que mentres o Matiass ofrece un apoio tecnolóxico fundamental para facilitar o traballo dos profesionais do Traballo Social, son estes profesionais os que permiten aportar un valor humano a todas aquelas persoas que solicitan axuda. Por iso, destacou o importante que é visibilizar o seu traballo e agradecer a súa vocación de servizo público.

Data de actualización: 01/04/2023