O presidente do Goberno galego asistiu á inauguración do centro de día O son do Regueiro, en Torroso (Mos), que permitirá ofrecer unha atención de calidade aos usuarios de Mos e da súa contorna

Galicia acada a cifra histórica de 70.000 persoas con dependencia atendidas, cinco veces máis que no ano 2009

Rueda sinala que a Xunta está a implantar un novo modelo de coidados para os maiores con medidas como a creación dos primeiros centros de coidados intermedios públicos de España, un deles no concello de Mos

O Goberno galego está a crear habitacións intelixentes en todas as residencias da rede autonómica e a aplicar un plan de centros libres de suxeicións

Mos (Pontevedra), 1 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que Galicia superou no mes de marzo o récord histórico de atención á dependencia ao acadar os 70.000 galegos atendidos. Fíxoo durante a inauguración do centro de día O son do Regueiro que se abre en Torroso, no concello de Mos.

 

O presidente indicou que esta cifra supón multiplicar por cinco o número de atendidos no ano 2009, cando non se superaban os 14.000 galegos cunha prestación. Galicia acada esta cifra histórica a pesar de que o Goberno central segue sen cumprir coa súa obriga de achegar o 50 % dos fondos para a atención á dependencia, tal e como establece a Lei. Na actualidade, a Xunta achega o 70 % e o Estado tan só o 30 %.

 

Rueda sinalou que a atención a maiores é unha prioridade para o Goberno galego e por iso, elaborou un novo modelo de coidados que xa se está a aplicar. Mostra disto, explicou, é a creación dos dous primeiros centros de coidados intermedios públicos de España, un deles poñerase en marcha no Concello de Mos e outro en Santiago, e a creación de habitacións intelixentes en todas as residencias da rede pública autonómica, o que permitirá instalar sensores de movemento que alerten de caídas e melloren a atención.

 

Tamén destacou a aposta da Xunta por uns centros de maiores libres de suxeicións. Esta semana comezouse a aplicar un plan pioneiro para lograr eliminar estes mecanismos en dous centros da rede pública autonómica, que se estenderá ao resto das residencias. O presidente sinalou que este modelo aposta por aproveitar as vantaxes tecnolóxicas nos coidados, pola humanización dos centros e tamén por promover unha maior coordinación sociosanitaria.

 

Sobre o centro de día de Mos

O presidente inaugurou o centro de día O son do Regueiro, situado en Torroso. A Xunta achegou para a construción e equipamento deste novo servizo máis de 700.000 euros, o 60 % do custe da obra. Desta cantidade, 200.000 euros proceden dos fondos Agader e os 500.000 restantes da orde de axudas a entidades da Consellería de Política Social e Xuventude para a construción de centros de servizos sociais.

 

Este novo centro estará moi pronto en funcionamento e ofrecerá 25 prazas de atención, ampliables a 40. Contará con servizo de enfermería, ximnasio, sala de actividades, sala de usos múltiples e cociña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023