Galicia avanza na creación da Axenda da Economía Azul coa identificación de retos e propostas xunto aos profesionais de once sectores de produción

Creáronse grupos de traballo con empresas, administracións, universidades, fundacións e organizacións relacionadas con once sectores que abordaron os eidos social, económico e ambiental

A Axenda pretende ser un documento estratéxico para aproveitar as oportunidades e as vantaxes competitivas que as actividades vencelladas co mar poden aportar ao conxunto da economía

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2023 A Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia, impulsada pola Xunta, acaba de concluír a súa primeira fase de diagnóstico tras dúas semanas de reunións cos profesionais que conforman os grupos de traballo relacionados cos sectores azuis da economía galega. Neste sentido, os profesionais pertencen a diferentes empresas, universidades, administracións públicas, fundacións e organizacións e contribuíron á identificación de retos e propostas de accións para xestionar os desafíos que eles mesmos definiron.

O obxectivo deste labor conxunto é colaborar para incrementar a saúde e o benestar dos cidadáns e das empresas, así como o emprego de calidade aproveitando as oportunidades económicas que propicie o desenvolvemento tecnolóxico no eido da economía azul.

Neste sentido, os grupos de traballo analizaron os ámbitos social, económico e ambiental de once sectores como son o da pesca e marisqueo; a acuicultura; a industria transformadora; a biotecnoloxía; as enerxías; o ámbito portuario e loxístico; o naval; o turismo e patrimonio; a I+D+i; o talento e o emprego; e a vixilancia, seguridade marítima e contaminación mariña.

Os equipos participaron en dinámicas baseadas na posta en común de ideas, o que permitirá deseñar un conxunto de actuacións que favorezan un avance económico sustentable en Galicia e propicien unha transición xusta. Con este fin, preténdese facer fronte aos importantes desafíos ambientais e contribuír a alcanzar os obxectivos determinados pola Comisión Europea para a economía azul: neutralidade climática e contaminación cero, descarbonización do transporte marítimo, a actividade pesqueira e marisqueira, e a consecución de portos máis ecolóxicos.

A Xunta continúa así o traballo iniciado hai meses para elaborar a súa propia Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia, un documento estratéxico que pretende aproveitar as oportunidades e as vantaxes competitivas que as actividades vencelladas co mar poden aportar ao conxunto da economía. Esta planificación está orientada a aqueles sectores que poidan reportar maiores oportunidades á comunidade.

A este respecto, Galicia conta cun gran potencial neste eido xa que os sectores tradicionais da economía azul xeran en Europa un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e uns 4,5 millóns de empregos. Un peso que supón unha oportunidade para a comunidade, a primeira potencia pesqueira europea e que representa cerca do 50% do emprego no sector en España así como a décima exportadora mundial de produtos do mar por diante de países como Xapón ou Islandia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/04/2023