A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe coa Federación galega de parques empresariais no marco dunha rolda de contactos para falar da norma
A Xunta subliña que a futura Lei de aproveitamento dos recursos naturais fomentará os proxectos de autoconsumo enerxético nos parques empresariais
Ángeles Vázquez salienta que o obxectivo xeral é garantir un retorno para Galicia dos beneficios sociais e económicos que se derivan da implantación deste tipo de proxectos
A Xunta espera que a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia contribúa, entre outras cuestións, ao fomento de iniciativas de autoconsumo enerxético nas distintas áreas e parques empresariais da Comunidade.
No marco da rolda de consultas que iniciou a finais de marzo para coñecer a opinión de diferentes sectores profesionais e axentes sobre esta norma, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe con representantes da Federación galega de parques empresariais (Fegape) para trasladarlles os obxectivos principais do anteproxecto e recoller as súas posibles achegas.
Neste sentido, a responsable autonómica explicou que a finalidade destes contactos e reunións é buscar que a futura lei sexa “consensuada” e o máis completa e beneficiosa posible para todos os galegos, tamén para os empresarios asentados na Comunidade.
O obxectivo da norma, cuxa tramitación se iniciou hai unhas semanas tras o acordo do Consello da Xunta, pasa por regular que para poñer en marcha determinados proxectos en Galicia —aqueles que aproveitan os recursos naturais mediante a aplicación dalgunha tecnoloxía avanzada— a habitual valoración dos posibles impactos ambientais vaia acompañada dunha análise dos beneficios sociais e económicos que comportaría.
Tal e como lles trasladou a conselleira, preténdense establecer así medidas que permitan garantir unha compensación á Comunidade co obxectivo de acadar un retorno de parte dos beneficios derivados da implantación deste tipo de proxectos.
Logo de subliñar que a valoración deses efectos sociais e económicos se fará sempre dentro do procedemento de avaliación ambiental, Ángeles Vázquez trasladoulle aos membros da Fegape que entre os impactos positivos da futura normativa se favorecerá o abastecemento enerxético das empresas a través de fontes renovables, avanzando así cara a unha maior sostibilidade e eficiencia de diferentes sectores.
“Precisamos empresarios que sigan desenvolvendo a súa actividade en Galicia e polígonos industriais que han de ter todos os recursos e dentro diso, unha enerxía que debe ser renovable”, declarou a conselleira, quen engadiu que co novo texto normativo se “facilitará a implantación” deste tipo de enerxías nos parques empresarias galegos.