A Xunta escenifica en baralla a súa aposta pola madeira de frondosas caducifolias

O director da Axencia Galega da Industria Forestal e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, visitaron esta mañá as instalacións de Maderbar

Esta empresa participará no Proxecto tecnolóxico para a valorización sustentable das masas de frondosas caducifolias de Galicia

No marco do proxecto, estanse a instalar parcelas de experimentación onde se seleccionarán as especies con maior interese de valorización para logo realizar unha análise de posibles usos e aplicacións industriais en Galicia

Baralla (Lugo), 12 de abril de 2023 O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Baralla, Miguel González, visitaron hoxe as instalacións de Maderbar, unha empresa sita na localidade lucense de Baralla, que centra a súa actividade no sector da transformación da madeira de frondosa caducifolia, dende a fabricación de barricas ata a produción de táboas e vigas de castiñeiro.

A empresa participará no Proxecto tecnolóxico para a valorización sustentable das masas de frondosas caducifolias de Galicia, promovido pola Consellería do Medio Rural. Esta iniciativa -centrada en especies coma o carballo ou o castiñeiro, entre outras- contempla ata 11 accións diferentes, todas elas na liña de incidir no aproveitamento de masas de frondosas de pequeno porte e baixa calidade, de forma que, a través de operacións silvícolas, estas se convertan nun futuro en masas con madeira de alta calidade.

Así, xa están a instalarse parcelas de experimentación onde se aplican os modelos silvícolas dispoñibles en Galicia para as frondosas caducifolias, procedendo ao estudo e caracterización básica das madeiras e seleccionando as especies con maior interese de valorización e análise de posibles usos e aplicacións industriais en Galicia.

Ademais, levarase a cabo un concurso de deseño para o desenvolvemento de produtos e aplicacións empregando madeira de frondosas e impulsarase a fabricación de prototipos e demostrativos destas producións en diferentes usos. Tamén se avaliarán as posibilidades de fabricación de biocombustibles normalizados a partir de madeira non comercial e restos de actividades silvícolas de frondosas e analizaranse os aproveitamentos non convencionais de madeira destas especies, entre outras medidas.

Plan Forestal de Galicia 2021-2040

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” establece unha medida denominada “Programa de fomento da produción de madeira de frondosas de alto valor” que ten entre os seus obxectivos poñer á disposición do mercado materia prima de alta calidade de masas de frondosas caducifolias, prestando especial atención ao incremento do uso de madeira estrutural na construción, potenciando tanto beneficios aos propietarios como unha mellora da economía verde.

Esta iniciativa está perfectamente aliñada coa Axenda de impulso da Industria Forestal-Madeira de Galicia elaborada pola Axencia Galega da Industria Forestal, tamén incluída no propio Plan Forestal de Galicia. Dita Axenda incorporou na súa última revisión unha nova medida dirixida á dinamización e recuperación de frondosas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2023