A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas de Respiro Familiar que permiten estancias en residencias, centros de dia e o pago dunha persoa coidadora no fogar

Esta nova orde, cuxo prazo de solicitude comezará mañá e rematará o vindeiro 30 de outubro, inclúe como novidade axudas para centro de día

O Goberno galego destina este ano 880.000 euros a estas axudas que favorecen o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes ou con discapacidade

As contías poderán acadar o 100% da estadía en calquera centro residencial da Comunidade ata un máximo de 1500 euros e no caso dos centro de día ou da contratación dunha persoa coidador no fogar a axuda poderá ascender ata os 1000 euros

Será posible xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano

 Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Respiro familiar que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias, centros de día ou se contrate unha persoa coidador para o fogar, que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais.

A través deste programa, a Xunta de Galicia financiará o 100 % da estadía en calquera centro residencial da Comunidade sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar ou dunha estadía nun centro de día.

O Goberno galego investirá 880.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso. Mediante estas axudas, o Executivo autonómico favorece o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes e con discapacidade.

O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende deberá ter recoñecido un grao II ou III de dependencia, unha discapacidade en grado igual ou superior ao 75 % ou ben ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2023