A Xunta defende o labor levado a cabo polas asociacións veciñais a prol da dinamización da vida local
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse con representantes de asociacións veciñais do concello de Leiro
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a asociación de veciños San Esteban de Nogueira e a de Casar e Balboa de Lamas en Pena Corneira, ambas no concello ourensán de Leiro.
Natalia Prieto puxo en valor o importante labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol da dinamización da vida social e incidiu na necesidade de que as asociacións veciñais, así como as asociacións de mulleres rurais e as comunidades de usuarios de augas coas que colabora a Xunta conten con espazos axeitados para o desenvolvemento das súas actividades.
Por iso, incidiu no apoio prestado desde o Goberno galego a estes colectivos co obxectivo de mellorar a calidade de vida local ao tempo que se contribúe a consolidar o movemento veciñal.
Cómpre ter en conta, tal e como asegurou a directora xeral, que estas entidades son as máis próximas á cidadanía á hora de atender e canalizar as súas demandas.