A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na presentación do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees do programa Interreg Europe-FEDER

A Comisión Europea selecciona a Galicia para liderar o proxecto GIFT de cara ao establecemento de medidas no eido da infraestrutura verde e da paisaxe

Ángeles Vázquez subliña que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias, a transferencia de boas prácticas e o aprendizaxe entre socios

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Comisión Europea seleccionou a Galicia para liderar o proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT) do programa Interreg Europe-FEDER que ten como obxectivo o establecemento de medidas no eido da infraestrutura verde e da paisaxe, segundo salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

O proxecto GIFT, que contará cun orzamento de 1,97 millóns de euros, dos que o 80% son fondos Feder e o restante serán achegados pola Xunta, centrarase na infraestrutura verde prestando especial atención aos bosques, as árbores e as paisaxes e procurará a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

Nesa liña, segundo explicou a conselleira, persoal do Instituto de Estudos do Territorio terá a función de deseñar unha metodoloxía común para, entre outras cuestións, incorporar a infraestrutura verde na ordenación do territorio como mellora estratéxica noutros instrumentos de política sectorial. A maiores, tamén se establecerán medidas para revitalizar bosques e árbores como ferramenta para a mitigación e adaptación ao cambio climático e a conservación da biodiversidade.

“Este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias, a transferencia de boas prácticas e o aprendizaxe entre socios”, subliñou Ángeles Vázquez. De feito, no proxecto GIFT, ademais de Galicia, participan outras 9 entidades da Unión Europea, que son o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Deste xeito, o carácter innovador deste proxecto, que se desenvolverá ao longo de 4 anos, reside no enfoque integrado coas políticas sectoriais de como se pretende abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, da súa conectividade e das medidas de recuperación da biodiversidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2023