O presidente da Xunta mantivo un encontro con representantes da Real Federación Española de Ciclismo

Rueda salienta que Galicia será o epicentro do ciclismo en 2024 grazas ao congreso anual da UEC que chegará a Santiago da man do Goberno galego

Destaca os grandes fitos do ciclismo galego nos últimos anos e a importancia da bicicleta para o turismo na Comunidade

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que Galicia será o epicentro do ciclismo en 2024 grazas ao congreso anual da Unión Europea de Ciclismo (UEC) que chegará a Santiago da man do Goberno galego. Asegurouno tralo encontro que mantivo hoxe con representantes da Real Federación Española de Ciclismo para a preparación do evento. 

Na reunión de traballo, Alfonso Rueda estivo acompañado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete. No encontro participaron representantes das federacións internacional, española e galega de ciclismo, así como do Club Rías Baixas, que asistiron con motivo do vindeiro congreso anual da Unión Europea de Ciclismo (UEC) que se celebrará en Santiago en 2024 para converter á capital de Galicia no epicentro continental do ciclismo.  

A candidatura galega, que contou co apoio da Xunta de Galicia, traerá a Compostela un congreso no que se designarán os próximos campionatos de Europa de ciclismo e se debaterá acerca do futuro continental de todas as especialidades ciclistas, polo que supón unha honra e, ao mesmo tempo, un respaldo á xestión deportiva que se fai dende Galicia.  

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor os grandes fitos do ciclismo galego como a proba ‘O Gran Camiño’, pertencente ao calendario UCI Europe Tour, na que o vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegard, se alzou coa vitoria; o Tour de Francia de Óscar Pereiro; o equipo profesional masculino Xacobeo Galicia ou o feminino, Team Farto-BTC; ou as 33 etapas galegas da Volta a España nos últimos 10 anos.  

O mandatario galego salientou tamén a importancia que ten a bicicleta para o turismo galego, como o demostran os seis centros BTT da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023