A Xunta pon en valor o grupo de traballo co sector forestal para mellorar a seguridade e saúde laboral e sinala a importancia das medidas de prevención

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe a xornada organizada por Lugo Madera para conmemorar o Día mundial da seguridade e saúde no traballo que se celebra hoxe

Na inauguración da iniciativa interveu o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, quen tamén incidiu na prevención de riscos laborais cara ao aumento da competitividade

Lugo, 28 de abril de 2023 A Xunta incidiu hoxe en Lugo na importancia da seguridade e saúde laboral no sector forestal, na xornada organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo -Lugo Madera- para conmemorar o 28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo, que se celebra hoxe baixo o lema Unha contorna de traballo seguro e saudable como principio e dereito fundamental no traballo.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe a iniciativa, á que tamén asistiu a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja; mentres que na inauguración interveu o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

Mancha puxo en valor o traballo que realiza Lugo Madera sobre sensibilización cara unha mellor cultura preventiva e salientou o labor que está a realizar o grupo de traballo técnico que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), desenvolve co sector forestal para mellorar as súas condicións de seguridade e saúde laboral.

Neste senso, este grupo avanzou, entre outros asuntos, cara unha sinalización específica para os traballos que se realizan no monte ou cara a posta en marcha de medidas de protección colectiva neste sector, como a recomendación de manter unha distancia mínima na talla de árbores. Este grupo tamén traballa na adopción de actuacións para previr os riscos ergonómicos e psicosociais, entre outros.

A directora xeral, ademais, apuntou que a Xunta, xunto co sector, está a perfilar o servizo de prevención mancomunado que impulsou o Goberno galego especializado nas actividades deste ámbito. “É fundamental seguir avanzando na interiorización e asimilación da cultura preventiva deste sector prioritario para a Xunta, tanto das empresas como das persoas traballadoras”, apuntou.

Para rematar, na súa intervención, a directora xeral animou a seguir traballando, coa implicación de todos os axentes sociais e económicos, na mellora das condicións de traballo, na seguridade, na protección da saúde integral co reto de que o sector da madeira se fortaleza, sexa máis competitivo e atraia e fidelice máis persoas.

Máis competitividade

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, incidiu na inauguración na importancia das medidas de prevención de riscos laborais neste sector, concretamente nas actividades relacionadas co seu aproveitamento.

Aboal sinalou, ao respecto, que é fundamental dotar ás persoas traballadoras deste sector dos coñecementos necesarios sobre a lexislación referente a directiva de máquinas, normas harmonizadas e prevención de riscos laborais para que sexan conscientes dos riscos que entraña o manexo desta maquinaria ao tempo que se faga un bo uso dela. Desta forma, insistiu, non só se evitan accidentes laborais senón que tamén se contribúe á consecución do aumento da competitividade do propio sector.

De feito, resaltou o director, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua da Consellería do Medio Rural impártense varios cursos ao longo do ano sobre seguridade no manexo de maquinaria agroforestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023