O presidente da Xunta participou na presentación en San Caetano da exposición de arteterapia Miradas

Rueda pon en valor a iniciativa artística da residencia de maiores de Foz para dar testemuño por toda España da superación da pandemia co esforzo de todos

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a iniciativa da residencia de persoas maiores de Foz que retratou con orixinais máscaras artesás os seus residentes durante a época máis crítica da pandemia. O mandatario galego puxo en valor esta mostra fotográfica para dar “testemuño” por toda España “dunha época tremenda que superamos entre todos e que agardamos que non volva repetirse”, aseverou.

Acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o presidente inaugurou nos edificios administrativo da Xunta en San Caetano a exposición de arteterapia Miradas. Rueda cualificou de “magnífica” esta iniciativa da residencia lucense, que deu lugar a unha mostra de 130 retratos de máscaras artesás realizadas por profesionais de distintas zonas de Galicia  e que se inaugurou hai un ano en Foz e que xa ten percorrido diferentes cidades, como Pamplona, Barcelona ou Lleida.
 
Rueda gabou esta iniciativa xa que supuxo que as persoas residentes e os traballadores da residencia que as coidaban puidesen interactuar entre elas, o que segundo salientou o mandatario galego lles serviu como terapia ao lograr “sacar o lado positivo” aos momentos máis duros da pandemia. Por estes motivos, agradeceulles aos profesionais desta e do resto de residencias galegas a súa implicación durante o confinamento para lograr contaxiar os máis vulnerables na pandemia a “alegría e esperanza” que neses momentos precisaban.
 
 “Agora que recuperamos a normalidade non hai que esquecer que houbo un tempo en que a vida se paralizou e houbo que traballar moito para recuperala. Non o esquezamos nunca”, subliñou para concluír a súa intervención.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023