O DOG publica hoxe a convocatoria dunha nova poxa pública electrónica de madeira que se celebrará proximamente en Lugo

En total serán 89 lotes de madeira por 4,5 millóns de euros os que sairán a poxa o vindeiro 21 de xuño
 

Cómpre destacar que 41 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 14 máis con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial
 

A plataforma telemática enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convoca un alleamento de madeira na provincia de Lugo. A poxa, que se celebrará de forma electrónica na Xefatura Territorial da Consellería en Lugo, terá lugar o vindeiro 21 de xuño.

Así, adxudicaranse 89 lotes de madeira por importe de 4.560.679,01 euros. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

Nesta poxa, unha das máis importantes dos últimos anos, os lotes suman máis de 185.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, das que o 83 % é piñeiro insigne, un 13 % piñeiro do país e o resto piñeiro silvestre; así como unha pequena partida de eucalipto. Ademais, cómpre aclarar que todos os lotes son de madeira verde e alléanse polo sistema de risco e ventura.

O aproveitamento destas árbores supón unha absorción de CO2 de máis de 139.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida, árbores que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
 
Cómpre destacar que 41 lotes contan con certificación da xestión forestal sostible PEFC e 14 máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispoñer tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
 
Cabe lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
 
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
 
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural:
 

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).
 
Ligazón á resolución no DOG:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023