A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha antiga fábrica de conservas e salgadura en Muros
A Xunta actualiza o catálogo de bens en servidume de costas para outorgar maior seguridade xurídica á recuperación do patrimonio construído
Ángeles Vázquez explica que o Goberno galego pretende que este catálogo sexa unha ferramenta útil e consensuada de cara á posta en valor das edificacións que na actualidade están en desuso
A Xunta actualizará o catálogo de bens en servidume de protección de Dominio Público Marítimo Terrestre para outorgar maior seguridade xurídica á recuperación do patrimonio construído ao abeiro do proxecto de lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, cuxa aprobación por parte do Parlamento está prevista para este ano.
Logo de agradecer a colaboración da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) neste eido, Ángeles Vázquez explicou que o Goberno galego pretende que este catálogo sexa unha ferramenta útil e consensuada de cara á posta en valor das edificacións no litoral que están en desuso na actualidade.
Precisamente a antiga fábrica de salgadura da familia Legarda, que visitou hoxe a conselleira, é un dos inmobles que podería ter un novo uso. Foi construída en 1916 e estivo en funcionamento ata os anos 80. A fábrica de conservas orixinariamente tiña unha parte central, que estaba dividida en catro pavillóns ocupando unha superficie de 2.080 m2 e entrada polo sur. Posuía, ademais, unhas vivendas para o encargado e propietarios pola banda noroeste. A zona de salgadura, que era unha actividade secundaria na fábrica, estaba en cesión administrativa e tiña uns 670 m2, onde estaban as pías de cemento para salgar sardiña.